A Confederación Hidrográfica Miño-Sil corrixe as súas esixencias ó Concello de Lugo para lograr a aprobación da totalidade do PXOM

O Concelleiro de Urbanismo encabezou a delegación municipal que se reuniu en Ourense coa administración competente en materia fluvial

A aprobación do 5% pendente do PXOM fora condicionada á elaboración duns estudos sobre cauces fluviais que agora se recoñece que non son competencia do Concello

Luns, 23 de marzo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, amosou a súa satisfacción porque na xuntanza celebrada hoxe, en Ourense, polo Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, quedou en evidencia que, se hai boa vontade política por parte de todas as administracións, é posible unha rápida aprobación definitiva do 5% do Plan Xeral de Ordenación Municipal que está pendente de recibir o visto e prace da Xunta de Galicia.

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente encabezou a delegación municipal que viaxou a Ourense e que estivo formada por técnicos do Concello e, tamén, por representantes dos grupos políticos da oposición. Por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a representación estivo encabezada polo seu Presidente, Francisco Marín Muñoz.

Luis Álvarez explicou, tralo encontro, que a aprobación definitiva do 5% pendente do PXOM pode ter unha tramitación sinxela porque a Confederación Hidrográfica Miño-Sil corrixiu hoxe, sorprendentemente, as esixencias que lle fai ó Concello de Lugo no informe redactado pola devandita institución a requerimento da Xunta de Galicia.

A CHMS mesmo recoñeceu na xuntanza celebrada hoxe que a Administración municipal non é competente para facer as delimitacións de cauces fluviais que se lle pediran.

De feito, a Confederación Hidrográfica variou a súas esixencias e xa non lle reclama ó Concello que elabore un estudo hidrolóxico e hidráulico de conca de todo o termo municipal de Lugo, cos correspondentes estudos da zona de inundabilidade dos diversos cauces que atravesan o municipio.

Na xuntanza celebrada esta mañá, os representantes da CHMS aseguraron que tan só é necesario que o Concello de Lugo faga unha delimitación de afección dos cauces, así como a inclusión de treitos do río Rato que non están grafiados nos planos da propia Confederación.

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, ademais de considerar tan sorprendente como satisfactorio este cambio de actitude da CHMS nas súas peticións, manifestou que gran parte dese traballo xa está feito e ata incorporado na documentación que se aportou no seu día. De feito, a partir deste momento o Concello vai revisar toda a documentación aportada para facer as pertinentes comprobacións e determinar cales son as delimitacións de afección de cauces que realmente puideran estar estar pendentes de facer, se é que houbera alguna, e levará a cabo ese traballo de inmediato xa que o único obxectivo que move tanto ó Goberno como ós técnicos municipais é desbloquear a situación e lograr que a Xunta de Galicia lle dea por fin a aprobación definitiva á totalidade do PXOM.

A xuntanza coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil celebrouse este luns, logo de que a Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, admitira noutra reunión que a delimitación de cauces que se lle esixe ó Concello de Lugo é unha imposición, porque non é competencia municipal pero, aínda así, considerou oportuno que o Concello asumira ese traballo, que non lle corresponde facer, para non ter que agardar ata que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que é a competente, decidira levalo a cabo.

Noticias relacionadas