Conchita Teijeiro, o IES Lucus Augusti, o Colexio de Avogados e a Cope recibe as Medallas de Ouro da cidade da man da Alcaldesa

Coas distincións, que “recollen o sentir da cidadanía”, recoñecemos a “gran contribución destas catro persoas e institucións ao desenvolvemento da nosa cidade dende os seus ámbitos de traballo: o benestar social, a educación, o dereito e a comunicación. Grazas por facer Lugo”, subliñou Lara Méndez

O Concello institucionaliza como data de entrega da Medalla de Ouro o 30 de novembro, cando a Muralla foi declarada Patrimonio da Humanidade, porque o “maior patrimonio de Lugo son as súas xentes”

Venres, 30 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Conchita Teijeiro, o IES Lucus Augusti, o Colexio de Avogados e a Cope recibe as Medallas de Ouro da cidade da man da Alcaldesa

Nun emotivo e concorrido acto celebrado no Salón de Plenos, a Alcaldesa, Lara Méndez, entregou este venres as Medallas de Ouro da Cidade a Conchita Teijeiro, presidenta de honra de Aspnais (Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual), o IES Lucus Augusti, o Colexio de Avogados de Lugo e a emisora Cope Lugo, unhas distincións aprobadas pola Corporación que “recollen o sentir da cidadanía” e coas que “recoñecemos a gran contribución destas catro persoas e institucións ao desenvolvemento da nosa cidade dende os seus ámbitos de traballo, o labor social, a educación, o dereito e a comunicación”. “Grazas por facer Lugo”, subliñou a rexedora.

“Unha cidade, un pobo que non é capaz de recoñecer, poñer en valor aos seus veciños e veciñas máis destacados é unha cidade, un pobo, sen altura de miras, que non se enorgullece do propio, da súa maior riqueza e patrimonio, que son as súas xentes. Nós si o facemos, si estamos orgullosos do noso, por iso hoxe homenaxeamos a catro persoeiros e entidades que fan máis grande e mellor a Lugo”, asegurou Lara Méndez.

A Alcaldesa explicou que o Concello institucionaliza dende este ano o 30 de novembro como data de entrega da Medalla de Ouro, coincidindo coa declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, unha data que marcou “un antes e un despois” na historia de Lugo, como tamén “marcan a historia de Lugo os persoeiros e institucións merecedores desta distinción”.

Conchita Teijeiro é “a alma, o corazón e a cabeza de Aspnais”, tal e como recordou Méndez que definira á presidenta de honra deste colectivo o seu sucesor no cargo, José Reijosa. Dela, a Alcaldesa puxo en valor a súa dedicación durante toda a vida para visibilizar, dignificar, mellorar a calidade de vida e traballar pola integración real e efectiva das persoas con diversidade funcional. Teijeiro, afirmou, foi impulsora dun cambio “xa imparable” na percepción social e na eliminación de estigmas sobre as persoas con discapacidade.

O IES Lucus Augusti, o centro de ensino secundario máis antigo de Galicia e un dos máis veteranos de toda a España, leva máis de 175 anos “formando dende o compromiso firme coa educación pública e de calidade”, un piar fundamental para o desenvolvemento dunha sociedade, indicou.

O Colexio de Avogados de Lugo, asegurou Méndez, mantén o “compromiso en favor da xustiza social co que naceu” hai 178 anos, cando, unha das primeiras decisións que adoptou foi nomear a dous avogados para o despacho de causas e expedientes de pobres de oficio, é dicir, para prestar servizo e asesoramento de maneira gratuíta ás persoas máis vulnerables e desfavorecidas.

ACadena Cope é parte de Lugo dende hai 50 anos, “recollendo e difundindo a través das ondas o pulso e a evolución que vive a nosa cidade e as súas xentes”, dixo Méndez. Con este recoñecemento “tamén queremos poñer en valor o papel da prensa nuns momentos nos que non está debidamente valorada, cando é garante da democracia”.

O acto de hoxe, no que participaron membros da Corporación e numerosos veciños e veciñas de Lugo, comezou coa sinatura no Libro de Ouro de Lugo por parte de cada un dos galardoados no despacho de Alcaldía, para logo celebrarse a entrega das Medallas de Ouro no Salón de Plenos.

Noticias relacionadas