A concesión dunha nova licenza para un hotel na rúa do Miño afianza a aposta municipal pola rexeneración do Casco Histórico

A Xunta de Goberno autorizará mañá un total de 9 actuacións urbanísticas que suporán un investimento na cidade superior aos 800.000 euros.

O executivo adxudicará tamén a mellora da estrada de A Silva, na parroquia de Piñeiro, por valor de 105.000 €.

Martes, 02 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concesión dunha nova licenza para un hotel na rúa do Miño afianza a aposta municipal pola rexeneración do Casco Histórico

A Xunta de Goberno Local autorizará mañá a reforma dun edificio na rúa do Miño como establecemento hoteleiro para apartamentos, tipo estudio, con categoría de dúas estrelas.

A actuación, unha das máis destacadas dentro da orde do día da sesión que o executivo celebrará esta semana, dispón dun orzamento de 270.260 euros e contará cun prazo de execución de 36 meses.

Este mércores, ademais, se aprobarán outras 8 licenzas para diferentes intervencións urbanísticas que, no seu conxunto, suporán a mobilización dun capital superior aos 800.000 euros e que terán unha repercusión directa non só na dinamización ecónomica da cidade senón tamén, de forma específica, na rexeneración do Casco Histórico.

Así, entre elas figura a reforma dunha fachada na Praza do Campo (7.982 €) e o acondicionamento da planta baixa dun inmoble en Alcalde Anxo López Pérez para destinalo á actividade inmobiliaria (166.397 €).

Igualmente se validará a rehabilitación de varias vivendas nas parroquias de San Pedro de Soñar (100.000 €), Piugos (90.452 €) e Rubiás (77.161 €) así como a substitución dun ascensor e a instalación doutro en sendas edificacións da rúa Erín (44.915 €) e Ramón Montenegro ( 52.916 €), respectivamente.

Por outra banda, a Xunta de Goberno adxudicará á empresa Francisco Gómez y Cía S.L os traballos de mellora do firme na estrada municipal de A Silva ao límite do Concello de Guntín, na parroquia de Piñeiro, por valor de 105.822 euros. As obras, incluídas dentro do Plan Provincial Único de Cooperación, se acometerán no prazo dun mes.

Noticias relacionadas