O Concello de Lugo presenta o programa "Xadrez para tod@s" con actividades de xadrez para nenos e nenas e familias

O 17 de maio terá lugar na Praza Maior o Torneo Festa Final Xadrez con máis de 120 estudantes inscritos

O xadrez e a Biblioteca Viaxeira, ademais da Praza Maior, tamén visitarán a Piscina Municipal e as Prazas de Agro do Rolo e do Castiñeiro

Luns, 04 de maio de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Na presentación das actividades

A Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñoz, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, e o Presidente da Asociación Cultural Xaquedrum, Pablo Castro, presentaron unha nova edición do programa de xadrez “Xadrez para tod@s”, no que se recollen as actividades que se realizarán durante os vindeiros meses de fomento do xadrez.

Esther Muñoz explicou que “no Concello estamos moi contentos con estas actividades porque, ademais de facilitar a vida familiar e laboral, tamén axudan a fomentar o xadrez entre os escolares, no que se traballa a mente e a intelixencia”. Esta actividade ten a colaboración de Sogama, El Progreso, TeleLugo, Fornos Fernando Valín, a Escola Luguesa de Xadrez e Confecciones Yute.

Pola súa banda, Díaz Grandío manifestou que “a Escola de Xadrez foi unha aposta por un deporte complementario a calquera outra actividade física, moi recomendable para escolares e adultos”.  

Doutra banda, Pablo Castro sinalou que todas as actividades son de balde e deu conta de cada unha delas para os vindeiros meses:

Torneo Festa Final

O 17 de maio, a partir das 16 horas na Praza Maior de Lugo, terá lugar a Festa Final do Xadrez, na que se prevé a participación de 120 xogadores, tanto escolares coma familiares dos mesmos. Os mellores clasificados terán trofeos e medallas nas seguintes categorías: Sub 8, Sub 10, Sub 12, Sub 14, Sub 18 e Familiares.

Xaque nas aulas

Que se celebra nos colexios Rosalía de Castro os dias 11 e 12 de xuño e no Luís Pimentel no mes de maio e xuño en horario lectivo e vai dirixido a alumnos de 3º e 4º de Primaria. Esta actividade impártese dende hai máis de 6 anos co obxetivo de potenciar o xadrez entre os nenos e nenas de Lugo xa que supón un instrumento co que se pode adquirir unha maior axilidade mental e habilidade sociais como a capacidade de concentración e de síntesis, a intuición, a memoria e a creatividade.

Xadrez na rúa e Baúl viaxeiro

Entre os días 1 e 16 de xuño de luns a venres de 17 a 20 horas, ca fin de darlles alternativas aos nenos e nenas, vanse levar unha serie de campañas de promoción do xadrez á Praza Maior. Desta maneira, instalarase un xadrez xigante, varios convencionais, e o baúl viaxeiro, para todos os que queiran xogar ao xadrez, ler libros e mesmo aprender a xogar sobre o taboleiro.

Campamento de verán

Durante os meses de xuño e xullo, celebraranse tres campamentos deportivos dirixidos a escolares de Lugo dende os 4 e ata os 16 anos. O primeiro deles será entre o 22 e 26 de xuño; o segundo, do 29 de xuño ao 3 de xullo; e o terceiro, do 6 ao 10 de xullo, no CEIP Illa Verde. O horario será de luns a venres de nove a dúas da tarde, e terán como finalidade facilitar a conciliación familiar e laboral ao mesmo tempo que se promociona o xadrez entre os nenos e nenas.

Viaxe pola historia do xadrez

O xadrez tamén se achegará a diferentes barrios da cidade para que nenos e maiores poidan coñecer as súas normas e aprender a xogar; así, entre o 1 e o 7 de xullo estarán na Praza Agro do Rolo da Milagrosa, en horario de 19 a 21 horas, e do 8 ao 14 de xullo na Praza do Castiñeiro, tamén de 19 a 21 horas. Durante estes días, ademais de xadrez tamén haberá o xadrez xigante e a biblioteca itinerante.

Verán Lúdico

Xa nos meses de verán, entre o 1 e o 15 de xullo en horario de 16 a 18 horas, e do 16 de xullo ata o 29 de agosto en horario de 16.30 a 19.30 horas de luns a venres, vaise celebrar o Verán Lúdico, para fomentar o xadrez durante as vacacións de verán dos nenos e nenas na piscina descuberta de Frigsa. As actividades destinadas aos usuarios da piscina son de balde e comprenden unha biblioteca de verán, un punto de xadrez e unha zona de ludoteca con diversos xogos de mesa.

Audio

Noticias relacionadas