Concello e Xunta asinan mañá o convenio para acometer as obras de rehabilitación do Cuartel de San Fernando, que arrancarán en abril

As actuacións fundamentais consisten en asegurar a estrutura, arranxo da cuberta eliminando as filtracións de auga, dotación de canles baixantes e conexión á rede de saneamento, e acondicionamento das caballerizas traseiras

Luns, 18 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello e a Consellería de Cultura asinarán mañá en Santiago de Compostela o convenio de colaboración entre ambas entidades para acometer as obras de rehabilitación do Cuartel de San Fernando, que, segundo as previsións municipais, arrancarán no mes de abril. O acto de firma, ao que asistirá a Alcaldesa, Lara Méndez, terá lugar ás 17.00 horas, en San Caetano.

Dotados con 180.000 euros, que financian ao 50% a administración local e autonómica, os traballos están encamiñados a dar seguridade e garantir a conservación do edificio que, construído entre 1760 e 1779, foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en xullo de 2009, e constitúe un dos valores patrimoniais de primeira orde cos que conta Lugo.

A sinatura do convenio ten lugar unha vez que o acordo foi aprobado pola Xunta de Goberno Local a mediados de decembro e remitido de seguido á Consellería de Cultura para o seu visto bo definitivo. Unha vez firmado, o Concello procederá de inmediato á licitación do proxecto, que estará adxudicado a finais de marzo e comezará a executarse en abril, coa mellora das condicións meteorolóxicas, algo preciso debido á natureza das actuacións. Teñen un prazo de cinco meses, polo que estarán rematadas entre setembro e outubro. O 30 de novembro acabará o prazo para presentar a documentación xustificativa.

As actuacións fundamentais incluídas no proxecto, elaborado por Evislusa, consisten en asegurar a estrutura do edificio, arranxar a cuberta eliminando as filtracións de auga tanto nesta estrutura como no propio edificio, dotación de canles baixantes e conexión á rede de saneamento, e derribo e acondicionamento dos anexos traseiros non catalogados (as caballerizas traseiras).

O edificio do Cuartel de San Fernando foi construído entre 1760 e 1779 co fin de atender aos inválidos do Exército. De dobre planta, está levantado en sillería de granito revocada de branco, excepto reforzos de vanos, esquinais e cornixas, e coa cuberta de lousa. Situábase contiguo ao hoxe desaparecido edificio modernista da Eléctrica Lucense.

Noticias relacionadas