Concello e USC afianzan lazos de colaboración

A Alcaldesa mantivo unha reunión co reitor da USC e co vicerreitor de Lugo

Mércores, 22 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa durante a súa reunión co reitor da USC

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo unha reunión este mércores co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Manuel Viaño Rey, e co Vicerreitor de Lugo, Javier Bueno Lema; un encontro que se enmarca dentro da toma de contacto directo da rexedora coas entidades e colectivos do municipio, que representan a realidade luguesa. Tras a xuntanza, o reitor asinou no Libro de Ouro do Concello, para deixar constancia da súa primeira visita institucional.

 Lara Méndez aproveitou a ocasión para renovar o compromiso municipal coa USC, garantindo a continuidade do apoio do Concello con diversos proxectos como a solicitude do programa europeo Life, así como de abrir novas vías de colaboración. “Aproveitaremos as sinerxias e o traballo en común entre USC e Concello para o desenvolvemento económico e social da cidade de Lugo. Somos conscientes da importancia do Campus lugués, tanto na vertente da educación de calidade que ofrece, como do impulso socioeconómico que supón para o noso municipio”, asegurou a Alcaldesa.

 A rexedora tamén lembrou que o Concello colabora coa USC cunha subvención nominativa anual de 20.000 euros. “Seguiremos apostando por unha educación pública, universal e de calidade, que garanta a igualdade real de oportunidades”, aseverou Méndez. 

Noticias relacionadas