Concello e Protectora subscriben o convenio de cooperación que fornecerá con 200.000 euros á entidade para apoiar o seu labor

A formalización do acordo tivo lugar esta mañá coa sinatura do documento no que se recollen os termos da colaboración, que este ano duplica o seu importe

Xoves, 17 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Protectora subscriben o convenio de cooperación que fornecerá con 200.000 euros á entidade para apoiar o seu labor

A alcaldesa, Lara Méndez, formalizaba, esta mañá, o acordo de cooperación entre o Concello de Lugo e a Sociedade Protectora de Animais e Plantas a través do cal, a administración local aportará a esta entidade, en 2020, unha achega de 200.000 euros.

Unha colaboración que duplica a aportación municipal e coa que, dende a institución, se pretende favorecer a protección dos animais abandonados no municipio.

Durante o acto, no que tamén estiveron presentes o edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos e a presidenta e o vicepresidente e tesoureiro da Protectora, María de los Ángeles López Prado e Juan Alberto Losada Díaz, a rexedora explicou que “o principal obxectivo da subvención - aprobada en Xunta de Goberno o pasado 2 de decembro - é apoiar a esta organización para mellorar o coidado dos animais que acollen nas súas instalacións, velando tamén polo control sanitario das colonias felinas existentes na cidade e fomentando a concienciación e bo comportamento da veciñanza ao respecto dos abandonos”.

Lara Méndez enmarcou esta axuda dentro do Plan Estratéxico de Subvencións, dotado en 2020 con 8 millóns de euros, co que o goberno local pretende potenciar e promover a participación da sociedade nos diversos ámbitos de xestión que resultan de interese xeral.

Pola súa banda, Álvaro Santos enxalzou o valioso labor que desenvolve a Protectora e lembrou que “o convenio subscrito hoxe tratará de dar cobertura non só a cuestións tan importantes como a manutención e o benestar dos animais que se recuperan e aloxan nas súas dependencias senón que tamén posibilitará a realización de campañas de sensibilización e doutras actividades educativas en prol da protección e o respecto ao medio ambiente”.

Multimedia

  • Concello e Protectora subscriben o convenio de cooperación que fornecerá con 200.000 euros á entidade para apoiar o seu labor

Noticias relacionadas