Concello e EOI abren unha nova edición do plan Inicia Coworking, que ofrecerá gratis apoio integral a outros 20 emprendedores

Os interesados poden inscribirse dende hoxe e ata ao 23 de xuño rexistrando unha solicitude no enlace https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/lugo-2a-edicion

Grazas ao programa Inicia Coworking, os emprendedores disporán no CEI Nodus dun espazo de traballo físico e virtual con todos os recursos de formación, asesoramento, técnicos, de marketing e financeiros para arrancar o seu proxecto

Xoves, 01 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, anunciou este xoves a apertura dunha nova convocatoria do plan Inicia Coworking, impulsado polo Concello de Lugo en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), que ofrecerá de xeito gratuíto a 20 emprendedores un apoio integral, individual e personalizado para poñer en marcha con éxito a súa empresa, asegurando a súa viabilidade tanto técnica como financeira.

Trátase da segunda fase deste programa de apoio ao emprendemento, na que os interesados poderán inscribirse dende hoxe e ata o vindeiro 23 de xuño rexistrando unha solicitude no seguinte enlace: https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/lugo-2a-edicion

O plan Inicia Coworking de Concello e EOI arrancou o pasado ano, e xa axudou a vinte emprendedores lucenses a lanzar o seu propio negocio, a maioría relacionados coas novas tecnoloxías, turismo e consultoría.

O plan consiste en implantar o concepto Coworking no CEI-Nodus, esto é, un espazo de traballo, físico e virtual, no que os emprendedores comparten equipamentos e coñecementos, e dispoñen de todos os recursos de formación, asesoramento, técnicos, de marketing e financeiros. “Un acompañamento paso a paso para lanzar un proxecto empresarial solvente e con garantías de futuro”, subliñou Ana Prieto.

Aséntase sobre 5 piares: obradoiros de formación; asesoramento personalizado e especializado; networking ou rede de contactos; presentación do proxecto ante inversores e busca de financiamento.

Noticias relacionadas