Concello e Ecovidrio chaman aos lucenses a participar no trofeo de vidro reciclado da Volta Ciclista

Lara Méndez e Germán Fernández presentaron este galardón sostible que se elaborará cos envases de vidro que se reciclen durante as vindeiras semanas polos lucenses en 10 colectores vinilados para a ocasión

Luns, 01 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Ecovidrio chaman aos lucenses a participar no trofeo de vidro reciclado da Volta Ciclista

A Alcadesa de Lugo, Lara Méndez, e o Xerente de Ecovidrio en Galicia, Germán Fernández, presentaron este luns unha nova campaña posta en marcha polo Concello e Ecovidrio, que se levará a cabo aproveitando a chegada da Volta Ciclista a España á cidade, para estimular a recollida selectiva de vidro. E é que os envases de vidro que se reciclen durante as vindeiras semanas polos lucenses en 10 colectores vinilados para  a ocasión, que estarán colocados en puntos emblemáticos da cidade e ao longo do recorrido da Volta, serán os que conformen o trofeo sostible do gañador da 5ª etapa da 71ª da Volta Ciclista a España, que discorrerá entre Viveiro e Lugo o mércores 24 de agosto.

Durante o acto de presentación deste galardón, que simboliza o esforzo tanto dos ciclistas en cada etapa como dos lucenses por coidadar o medio ambiente, a rexedora agradeceulle a posta en marcha desta iniciativa vistosa e exemplar a Ecovidrio, a entidade sen ánimo de lucro que se encarga da xestión da reciclaxe do vidro en España dende 1998, “unha acción que ten un significado importante para o Goberno pois enmárcase na nosa política medioambiental e entronca coa nosa aposta polo desenvolvemento sostible do municipio e a concienciación da cidadanía, para buscar unha cidade digna para vivir e para deixar en herdanza ás xeracións futuras”. A orixinal idea está pensada aproveitando a chegada da Volta Ciclista ás cidade, pero con ela tamén se pretende que sexa unha acción que os cidadáns incorporen á súa rutina diaria. Por este motivo, a rexedora animou á cidadanía a gozar coa chegada do pelotón ciclista o vindeiro 24 de agosto a Lugo, e de facelo dun xeito responsable, axudando a preservar o medio ambiente. “A correcta xestión dos residuos é unha responsabilidade de todos”, afirmou Méndez.

Pola súa banda, Fernández agradeceu a colaboración do Concello “que sempre amosa interese cando se trata da reciclaxe”, ao mesmo tempo que felicitou aos lucenses polos últimos resultados obtidos en canto á reciclaxe de vidro, un 16% máis no 2015 con respecto ao ano anterior, máis de 3 millóns de envases.

O vidro en Lugo en cifras, 311 iglús e 892.500 kilos reciclados no 2015
“No Concello de Lugo estamos concienciados con estas iniciativas de reciclaxe, porque cremos que axudan ao noso futuro, de aí a posta en marcha da Concellería de Desenvolvemento Sostible, na que se engloba medio ambiente e urbanismo”, asegurou a rexedora, quen fixo fincapé na proxección que fará de Lugo a Volta Ciclista, que será retrasmitida en 190 países, os que verán que Lugo está concienciada co medio.

Neste senso, Lara Méndez fixo un chamamento masivo aos lucenses e visitantes para que se impliquen na reciclaxe de vidro, tanto nesta iniciativa como o resto do ano, pois a recollida selectiva de residuos redunda de xeito directo no medio ambiente e na calidade de vida dos veciños e veciñas ao provocar unha reducción na extracción dos recursos naturais. Ademais, este premio servirá para seguir elevando os quilogramos de residuos de envases de vidro depositados nos 311 iglús verdes de Lugo, preto de 892.500 kilos o pasado 2015, unha media de 9 cada lucense. “Queremos aumentar estas cifras, esa é unha das nosas metas e estas iniciativas axudan a ir pola senda medioambiental iniciada polo Concello”, aseverou a rexedora.

No marco da reciclaxe, a Alcaldesa lembrou que hai un meses o Concello reestruturou o servizo de recollida de lixo Quita e Pon co obxectivo de favorecer a selección de residuos no casco histórico, colocando 80 novas unidades en 30 rúas e prazas.

Campaña Recicla vidro e pedalea
Este trofeo, que se entregará nun total de 13 localidades españolas, enmárcase dentro da campaña Recicla vidro e pedalea, que ten como obxectivo mobilizar á sociedade e facela partícipe dunha das grandes citas deportivas do verán, a Volta Ciclista a España. O pasado ano esta campaña tivo 65.000 participantes. 

Noticias relacionadas