Concello e Deputación súmanse ao Orgullo LGTBI 2017 con exposicións, obradoiros, coloquios e actuacións musicais

Trátase da programación de actividades, totalmente gratuítas e para todas as idades, que terán lugar do 23 ao 30 de xuño na capital lucense para conmemorar o Día do Orgullo LGTBI

Exposicións, obradoiros, coloquios, roteiros e concertos de música no casco histórico e no Museo Provincial son algunhas das actividades que se ofrecen este ano

Martes, 20 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación súmanse ao Orgullo LGTBI 2017 con exposicións, obradoiros, coloquios e actuacións musicais

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López, a Presidenta da Asociación de familias de menores trans (ARELAS), Cristina Palacios, e ao Presidente da Asociación Lugo Monumental, David Fernández, presentaron este martes no Museo Provincial de Lugo o Orgullo LGTBI: Lugo Diversx 2017. Trátase da programación de actividades, totalmente gratuítas e para todas as idades, que organiza Concello, Deputación, ARELAS e Lugo Monumental, dende o 23 ao 30 de xuño na capital lucense para conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGTBI que se celebra o vindeiro 28 de xuño.

Santos Ramos subliñou que “dende as administracións públicas debemos defender os dereitos de todos os veciños e garantir que non se produza ningún tipo de discriminación xa sexa por sexo, cor de pel ou orientación sexual. Por iso, promovemos este tipo de campañas para concienciar á cidadanía na diversidade, pois estamos convencidos da importancia da educación para favorecer o respeto a este colectivo. Quero pór en valor a loita pacífica de todo este movemento e das persoas que forman parte del, pois foron e seguen a ser perseguidas e marxinadas pola sociedade polo único feito de ter gustos diferentes.”

Pola súa banda González Abelleira convidou aos veciños a participar nas actividades en favor da visibilidade do colectivo LGTBI e subliñou que “Lugo como cidade diversa non podía quedarse atrás”.

Ademais desta iniciativa, o Goberno da Deputación programa durante todo o ano nos 4 museos da Rede Museística exposicións, obradoiros e actividades que promoven e defenden a igualdade, como o proxecto Nós+outrxs en rede, ao mesmo tempo que fomentan e difunden o traballo dos artistas da provincia de Lugo.

Programación

O Concello e a Deputación de Lugo ofrecen distintas actividades, totalmente gratuítas, co gallo do Día do Orgullo LGTBI. A programación é a seguinte:

  • O venres 23 de xuño ás 12:00 horas terá lugar o izado da bandeira LGTBI e da lectura do manifesto no Concello de Lugo. Ás 12:45 horas, no Pazo de San Marcos colgarase un cartel do LGTBI e ás 13:00 horas no Museo Provincial de Lugo terá lugar a inauguración da mostra Nos+outrxs en Rede. Lugo Diversx. Redes da liberdade que estará exposta ata o 30 de xuño. É unha mostra na que participan artistas de toda España que achegan distintos tipos de pezas como debuxos, textos ou fotografías produto das súas particulares reflexións arredor do Día do Orgullo.
  • O domingo 25 de xuño ás 12:30 horas celebrarase o percorrido polo casco histórico As cores da Diversidade. Ás 13:30 horas terá lugar a solta de globos con mensaxes na Praza da Soidade. Durante a xornada haberá un xantar popular nos xardíns do Museo Provincial e un mercado solidario. Ás 18:00 horas comezará o obradoiro para nenxs e mozxs sobre diversidade sexual impartidos por alumnos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Lugo, e para rematar o día, ás 20:00 horas na Praza da Soidade terá lugar o concerto Pola liberdade de ser e sentir, no que actuarán os grupos Canela Cafuné e As Supremas de Lugo.
  • O mércores 28 de xuño ás 18:00 horas no Museo Provincial de Lugo terá lugar o obradoiro Arte como terapia impartido polo artista transexual Kristopher Dios co que reflexionará sobre a utilidade de crear como ferramenta de auto-coñecemento, de análise e sobre todo como terapia.
  • O venres 30 de xuño ás 18:00 horas na Sala de exposicións do Pazo de San Marcos celebrarase o coloquio A discriminación e a LGTBifobia no deporte profesional.

Ademais durante todos estes días desenvolveranse accións reivindicativas en espazos públicos como pintar os pasos de peóns coas cores da bandeira da diversidade.

Noticias relacionadas