Concello e Deputación recoñecen ao Emevé, gañador da Copa Príncipe, nunha recepción en San Marcos

O equipo masculino vén de gañar por segundo ano consecutivo a copa Príncipe, e mantense invicto nos primeiros postos da clasificación da segunda categoría nacional

Luns, 11 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación recoñecen ao Emevé, gañador da Copa Príncipe, nunha recepción en San Marcos

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e  o Presidente da Deputación, Darío Campos, recibiron este luns aos membros do equipo Emevé masculino de voleibol, nun acto de recoñecemento ao traballo do equipo masculino, que milita na categoría de prata. O Emevé vén de gañar o pasado decembro a copa Príncipe, por segundo ano consecutivo,  un fito na historia da competición, que ata o de agora ningún equipo fora quen de facer. Ao acto tamén asistiu o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, e o Deputado de Deporte, Pablo  Rivera.

Concello e Deputación colaboran con este club, cuxo equipo feminino sénior acadou tamén a pasada temporada o ascenso á máxima categoría española. Conta ademais con varios equipos de base en cada categoría: infantís, cadetes e xuvenís ademais da categoría absoluta; competindo nas ligas autonómicas e escolares.

A rexedora e o mandatario provincial quixeron poñer en valor que o Emevé leva, ademais, 35 anos impulsando e promovendo este deporte, que non se pode considerar minoritario, pois grazas aos logros e ao traballo do clube contan con preto de 300 rapaces e rapazas, sendo toda unha referencia no deporte e no traballo pola igualdade na provincia.

Multimedia

  • Concello e Deputación recoñecen ao Emevé, gañador da Copa Príncipe, nunha recepción en San Marcos

Noticias relacionadas