Concello e Deputación promoven o comercio local coa IX Noite Aberta organizada pola Asociación de Autónomas

Ana Prieto, Álvaro Santos, Marta López e José María Seijas presentaron unha nova edición desta iniciativa que terá lugar o venres 28 de setembro, e na que participarán un centenar de tendas

Na Noite Aberta, como sempre, os locais comerciais farán a súa propia festa con promocións, cátering e música. A principal identificación un ano máis será a alfombra rosa, coa que o centenar de tendas participantes recibirán aos seus clientes

Como novidade este ano súmase, para as tendas asociadas, a Semana do Comercio. Do 24 ao 28 de setembro todas as compras superiores a 20€ teñen premio

Xoves, 20 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación promoven o comercio local coa IX Noite Aberta organizada pola Asociación de Autónomas

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e o voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos, presentaron este xoves en San Marcos a Noite Aberta 2018, que terá lugar o vindeiro venres 28 de setembro, e na que participarán un centenar de tendas. Este ano o fin de festa terá lugar ás 22:00 horas nos Xardíns da Deputación con varias actuacións musicais e catering. Na presentación tamén participaron a Presidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, Marta López Yáñez, e o Presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López.

O Goberno do Concello e da Deputación colaboran coa Asociación de Autónomas na celebración desta iniciativa, xa consolidada, coa que apoian á pequena e mediana empresa luguesa, ao mesmo tempo que impulsamos a economía local. O comercio é un dos motores económicos de Lugo, pois  dá emprego a unhas 12.500 familias lucenses, representando máis do 16% dos postos de traballo e o 13% do PIB. Por iso, ambas entidades buscan concienciar á cidadanía sobre a importancia de mercar nos comercios de ao pé da casa, que axudan a dinamizar a economía e a vida nas vilas da nosa provincia.

A Fundación TIC gravará e producirá un vídeo da Noite Aberta. Os encargados de facelo serán os alumnos de Realización do 2º Curso da Escola de Imaxe e Son (EIS), pois trátase da primeira das numerosas prácticas en escenarios reais que o alumnado da TIC levará a cabo ao longo deste curso. Mentres que outro equipo realizará unha reportaxe do evento para a súa difusión a través de Internet.

Na Noite Aberta, como sempre, os locais comerciais farán a súa propia festa con promocións, cátering e música. A principal identificación un ano máis será a alfombra rosa, coa que o centenar de tendas participantes recibirán aos seus clientes.

Sorteos e premios na Semana do Comercio

Como novidade este ano á xa consolidada Noite Aberta súmase, para as tendas asociadas, a Semana do Comercio. Do 24 ao 28 de setembro todas as compras superiores a 20€ teñen premio. O procedemento é sinxelo, o venres 28 de setembro, coincidindo coa Noite  Aberta, haberá unha caseta na praza maior desde as 18:00 horas na que, só por presentar o  tícket de compra  realizada, entre o 24 e o 28 de setembro, nos establecementos pertencentes á Asociación de Autónomas, obteranse vales agasallo, e a oportunidade de sacar unha papeleta da urna de premios.

Na devandita urna escóndense agasallos directos como paraugas, bolsas de tea e  merchandising vario, así como  vales desconto desde 10€ a 50€ por un valor total de 1300€, para gastar nas tendas asociadas. Todas as papeletas teñen premio. A máis compras, ou  máis importe, máis oportunidades.

Noticias relacionadas