Concello e Deputación promoven conxuntamente o deporte do xadrez cunha nova programación de actividades

Ana Abelleira, Miguel Fernández e Pablo Castro presentaron as novas actividades que se desenvolverán nos vindeiros meses de xuño, xullo e setembro

Miguel Fernández fixo fincapé nos beneficios do xadrez como un deporte que aporta axilidade mental ou a mellora na concentración. Nesta liña, animou á cidadanía a participar nestes eventos cos que “ofrecemos outras alternativas de lecer”

Ana Abelleira sinalou que “a través do xadrez, contamos cunha nova alternativa de igualdade pois teremos con nós a Marta Quintás, que nos fará unha simultánea para visibilizar que todas as mulleres e nenas tamén poder participar”

Luns, 28 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación promoven conxuntamente o deporte do xadrez cunha nova programación de actividades

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira xunto ao Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, e o presidente da asociación cultural Xaquedrum, Pablo Castro presentaron este luns, na Sala de Usos Múltiples de Novas Tecnoloxías, unha nova programación de xadrez na que se inclúen actividades como: exhibicións, torneos sub 2200, xadrez na rúa e campamentos urbanos ao longo dos meses de xuño, xullo e setembro.

Durante o acto de presentación, Miguel Fernández agradeceu a asociación cultural Xaquedrum o traballo que vén realizando nos 22 anos de percorrido, promovendo o xadrez en Lugo, “un deporte que aporta un gran número de beneficios, como a axilidade mental ou a mellora na concentración”. Nesta liña, o edil animou a todas e todos os lucenses a participar nestas actividades, coas que “ofrecemos outras alternativas de lecer en espazos públicos”.

Ana Abelleira fixo fincapé nesta programación a prol da igualdade xa que “a través do xadrez, contamos cunha nova alternativa de igualdade, pois teremos con nós a Marta Quintás, que nos fará unha simultánea para visibilizar que todas as mulleres e nenas tamén poder participar”.

Actividades programadas

  • O 8 de xuño ás 18:30 horas na Praza Maior: exhibición da Campioa Galega Sub 14 da Selección Galega Infantil, Marta Quintás e unha partida simultánea contra 10 xogadores, iniciativa a prol da igualdade.
  • Do 1 ao 12 de xuño na Praza Maior: xadrez na rúa, no taboleiro xigante, actividade de balde co fin de conciliar a vida laboral e familiar en horario de 18:00 horas ás 20.00 horas.
  • Nos meses de xuño, xullo e setembro de 09.00 horas a 14.00 horas: campamentos urbanos nas instalacións do Colexio Illa Verde; Xadrez Divertido para os máis cativos e cativas de 3 a 8 anos que aprenderán os movementos e regras básicas dunha forma amena e a través do xogo; e Xadrez Máxico dirixido a nenos e nenas de 9 ata 15 anos de idade onde haberá un grupo de iniciación e outro de perfeccionamento. Todas as persoas interesadas en participar deberán inscribirse no teléfono 657974937 ou na dirección de correo electrónico xaquedrum@gmail.com
  • 23 e 24 de xuño: sexta edición de dous torneos Sub 2200 no que participarán 15 alumnos e alumnas da Escola Lucense de Xadrez, dirixido a xogadores e xogadoras de competicións federadas

Co fin de fomentar actividades educativas na cidade; crear espazos para o deporte en familia, achegar ó xadrez a todas e todos os lucenses e promover hábitos saudables e a convivencia dos máis novos; Concello e Deputación colaboran con esta Asociación na realización de diversas iniciativas ao longo do ano, así como para sufragar a Escola Lucense de Xadrez. 

Audio

Noticias relacionadas