Concello e Deputación implican aos establecementos para crear espazos seguros contra as agresións sexistas

Ana Abelleira e Carmen Basadre presentaron a campaña, que arrincará polos festexos do Arde Lvcvs, ante a escalada de actos sexistas que se producen e tamén que se amparan en ambientes festivos

Os espazos seguros identificaranse coa imaxe dunha man violeta e o lema Non é Non, que se deberá colocar nun lugar visible ao exterior. Ademais distribuiranse dípticos informativos e chapas de rexeitamento de todo tipo de agresións

Para participar é necesario contactar coa Casa da Muller. A colaboración consistirá na acollida das persoas que o demanden por sentirse vítimas dalgunha agresión e, se fose necesario, permitir facer chamadas telefónicas a Emerxencias, Policía Local, Corpo Nacional de Policía ou 016

Mércores, 30 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación implican aos establecementos para crear espazos seguros contra as agresións sexistas

O Concello e a Deputación de Lugo lanzan unha campaña de prevención e sensibilización contra as agrexións sexuais no municipio, baixo o lema Non é Non, co obxecto de facer un chamamento ao lecer dende a liberdade e o respecto; así como previr actos e actitudes sexistas, co fin de acadar que non se produzan agresións.

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, e a edil de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentaron este mércores, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, esta campaña, que se porá en marcha polos festexos do Arde Lvcvs, ante a escalada de actos sexistas que se producen e tamén que se amparan en distintos ambientes festivos.

Tal e como explicou Ana Abelleira, preténdese chegar a toda a poboación e buscar o seu compromiso creando unha rede de espazos seguros onde a persoa agredida encontre acougo e información do que facer en caso de necesitalo. Ademais dos centros de convivencia municipais, a Casa Consistorial e as instalacións municipais, o Goberno Local e Provincial buscan a implicación de establecementos, locais ou colectivos do municipio, ao igual que coa campaña Lugo En Negro, na que participaron máis de 350 entidades.

Os espazos seguros estarán identificados coa imaxe dunha man violeta e o lema Non é Non, que se deberá colocar nun lugar visible ao exterior. Ademais distribuiranse dípticos e vinilos informativos e chapas que manifesten o rexeitamente de todo tipo de agresións, así como os pasos que se recomendan en caso de sufrir algunha.

Para formar parte da campaña só é necesario contactar coa Casa da Muller a través do enderezo cmuller@concellodelugo.org. A colaboración consistirá na acollida das persoas que o demanden por sentirse vítimas dalgunha agresión e, se fose necesario, permitir facer as chamadas telefónicas a Emerxencias, Policía Local, Corpo Nacional de Policía ou 016; conseguindo así sumar esforzos que tezan unha rede de mans violetas para evitar as agresións.

Audio

Noticias relacionadas