Concello e Deputación dotarán de novo céspede artificial aos campos de fútbol de Frigsa e A Cheda con 500.000€

O Executivo Provincial aprobou na Xunta de Goberno de hoxe un convenio coa entidade local para levar a cabo este investimento nas dúas instalacións deportivas municipais

A Alcaldesa subliñou que “polos campos de fútbol do Concello pasan unha media de 500 persoas ao día –só polo da Cheda, máis de 150-, entre adestramentos e competicións a nivel federativo, deporte base e veteranos, o que dá boa conta do gran impacto social que terán as actuacións recollidas neste convenio”

O Presidente provincial destacou que “somos a institución galega que máis inviste en deporte na provincia. Só en instalacións deportivas, levamos 2,7 millóns. Facémolo en solitario. A Xunta non inviste nin un só euro en Lugo pero si 1 millón en Ourense”

Venres, 17 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación dotarán de novo céspede artificial aos campos de fútbol de Frigsa e A Cheda con 500.000€

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, anunciaron este venres a sinatura dun convenio entre ambas administracións para a renovación do céspede dos campos de fútbol de Frigsa e A Cheda, recinto onde, acompañados por directivos da SDC Residencia, adestradores e xogadores, informaron deste novo proxecto conxunto, dotado con 500.000€. O Executivo Provincial aprobou na Xunta de Goberno de hoxe o convenio, ao que agora deberá dar luz verde o Concello para proceder despois á súa sinatura e á adxudicación dos traballos, que previsiblemente se acometerán a vindeira primavera.

Deputación e Concello mellorarán con 235.000 euros o campo de fútbol da Cheda e con 265.000 euros o de Frigsa. As obras nestes dous campos consistirán na renovación do sistema de céspede artificial, que debido ao desgaste, xa aconsella a súa renovación. Con este investimento dotarase a estes dous campos de fútbol dun céspede de ultima xeración e adaptado ás normas e esixencias actuais.

A Alcaldesa agradeceu “a sensibilidade e apoio” que sempre amosa a Deputación cara a cidade de Lugo, o que se traduce neste convenio para a mellora dos campos de fútbol municipais, pero tamén noutros proxectos conxuntos que xa están en marcha, como a humanización da avenida Duquesa de Lugo, cun investimento de 1 millón de euros, o Plan Único, con 530.000€ de achega, ou o alumeado do Paseo do Rato, adxudicado por 750.000€.

A mellora dos campos de fútbol dá resposta a unha “crecente e xusta” demanda dos usuarios, pois os céspedes da Cheda e Frigsa non se renovan dende hai máis de 10 anos, o período que se estima de vida útil, explicou Méndez.

Polos campos de fútbol municipais pasan unha media de 500 persoas ao día –só polo da Cheda, máis de 150-, entre adestramentos e competicións a nivel federativo, deporte base e veteranos, o que dá boa conta “do gran impacto social que terán as actuacións recollidas neste convenio”, subliñou a rexedora.

230.000€ de fondos propios para As Gándaras I

A maiores destas melloras que se acometerán en colaboración coa Deputación, o Goberno local, cun investimento de 230.000€ de fondos propios que prevé consignar nos Orzamentos do 2018, renovará o céspede do campo das Gándaras I, colocado no ano 2008. Deste xeito, para unha vindeira fase, restarán os das Gándaras II e Polvorín.

A Alcaldesa destacou o compromiso do Concello co deporte, ao que destina máis de 3 millóns de euros ao ano no orzamento, porque favorece un estilo de vida san, inculca valores e dinamiza a vida social e económica de Lugo.

2,7 millóns en 25 concellos

“Con estas actuacións, levamos achegado, no último ano e medio, case 2,7 millóns de euros só na mellora de instalacións deportivas públicas de 25 concellos. Somos a administración galega que, sen dúbida, máis inviste en deporte na nosa provincia, aínda non ser a institución coas competencias directas na materia, nin, moito menos, a de máis fondos públicos, pois esta é, en todos os casos, a Xunta de Galicia”, destacou o Presidente da Deputación.

Darío Campos engadiu que “dende o Goberno da Deputación temos un firme compromiso polo deporte como motor social e económico, así como grande promotor de vida saudable e de valores sociais vitais, como o compañeirismo ou a superación. Creo que o demostramos con feitos: só na mellora de instalacións deportivas públicas e municipais levamos investido en ano e medio uns 2,7 millóns de xeito solitario. A Xunta non colabora coa provincia de Lugo pero si coa de Ourense, onde aprobou un convenio de 1 millón de euros para mellorar instalacións deportivas desta provincia. É unha mostra máis da discriminación que ten a Xunta de Galicia coa provincia de Lugo”.

Campos Conde subliñou que “o fútbol é unha das modalidades deportivas que máis éxito ten en Lugo, e en toda a provincia, só na capital conta con máis de 3.000 fichas federativas, dun total de 41 clubs deportivos. Ademais hai que ter en conta que a maioría destes equipos contan con categorías inferiores, que tamén promocionan a práctica deste deportes entre os mais cativos”.

Noticias relacionadas