Concello e Deputación desbloquean os convenios para a dotación de alumeado ao Rato e a conexión wifi en tres prazas da cidade

A Alcaldesa e o Presidente mantiveron un encontro que serviu para retomar actuacións paradas polo Goberno provincial do PP e “abrir novas vías de colaboración” en materia de medio ambiente, infraestruturas e turismo

A urbanización e reorganización do tráfico da rúa Fermín Rivera, no barrio da Ponte, foi unha das actuacións acordadas por Lara Méndez e Darío Campos nunha reunión “coa que se restablece a normalidade institucional”

Mércores, 25 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa de Lugo xunto co presidente da Deputación

Crear zonas verdes e poñer en valor as existentes, acondicionar infraestruturas que humanicen a cidade e impulsar o turismo como motor económico aproveitando a riqueza patrimonial de Lugo. Sobre estes tres eixes xirou a primeira reunión institucional que mantiveron a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, dende a súa toma de posesión, un encontro que serviu para “abrir novas vías de colaboración entre as dúas institucións máis importantes da provincia, na mesma liña que nos últimos oito anos”, así como para desbloquear proxectos que, se ben foron iniciados polos Gobernos de Gómez Besteiro e López Orozco, o Executivo provincial do PP parou, como a dotación de alumeado público no Paseo do Rato e a estrada provincial que discorre ao seu carón, actuación dotada con 1,4 millóns de euros, e a conexión wifi libre e gratuíta a internet en tres prazas da cidade.

O Presidente da Deputación explicou neste senso que o convenio para a creación das prazas wifi será aprobado na Xunta de Goberno provincial deste venres para poder asinalo e iniciar as obras canto antes. Dotadas con 22.000 euros que achega a institución provincial, consisten na instalación de 5 puntos wifi: dous na fachada da casa consistorial, dous no templete da música para dar cobertura a toda a parte baixa da Praza Maior e unha antena na parte de atrás do consistorio para prestar servizo ás prazas Anxo Fernández Gómez e Campo Castelo.

Polo que respecta á dotación de alumeado público ao Rato, Campos indicou que o convenio aprobarase en Xunta de Goberno de maneira inmediata, entre esta semana e a que vén. O proxecto afecta a un treito de 7 quilómetros –entre a Avenida de Madrid e o parque do Sagrado Corazón- e conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros, achegados integramente pola institución provincial.

Inclúe a colocación de 282 luminarias, unha instalación respectuosa co medio ambiente, eficiente e que minimiza o impacto ambiental. Ademais do propio paseo e a estrada, dotarase de alumeado aos accesos do Centro de Interpretación Terras do Miño e Centro de Cestaría.

Esta iniciativa suporá un importante beneficio para os veciños do concello lucense, pois permitiralles gozar deste espazo público, moi utilizado e idóneo para actividades ao aire libre, cando as horas de luz solar non o fan posible, ao tempo que mellorará as condicións de seguridade da estrada provincial. Esta vía multiplicou por sete o tráfico nos últimos anos, xa que moitos automobilistas a utilizan para achegase ao HULA, dado que a Xunta ten pendente a construción da Ronda Leste.

Por outra banda, Méndez e Campos acordaron a urbanización, posta en valor e reorganización do tráfico da rúa Fermín Rivera, unha vía de titularidade provincial, pero que na práctica é de uso municipal, co fin de garantir a seguridade dos peóns e gañar aparcamento, unha actuación moi demandada polos cidadáns tras a peonalización da Ponte Romana, o que supuxo o bloqueo dunha das saídas naturais do barrio da Ponte. Esta necesidade que a Alcaldesa trasladou ao Presidente foi expresada polos veciños da Ponte e a directiva do Club Fluvial.

Zonas verdes e turismo

Potenciar o cinto verde de Lugo e establecer colaboracións con carácter anual para impulsar o turismo como motor económico da cidade, “aproveitando a excepcional proxección que implica o recoñecemento do Camiño Primitivo, a Catedral e a Muralla como Patrimonio da Humanidade”, sinalou a rexedora, foron outras das cuestións abordadas no encontro.

Recuperación da normalidade institucional

A Alcaldesa e o Presidente provincial incidiron no significado da primeira reunión que mantiveron esta mañá en San Marcos, pois “restableceuse a normalidades institucional entre dúas administracións que están ao servizo da cidadanía e que buscan solucións aos problemas e necesidades da xente”, subliñou Méndez. “Retomamos as vías de colaboración entre o Concello de Lugo e a Deputación. Se á cidade de Lugo lle vai ben, á provincia lle vai ir ben, como referente turístico e cultural que é”, asegurou Darío Campos.

Audios

  • Declaracións da Alcaldesa de Lugo trala reunión co presidente provincial|Descargar mp3
  • Declaracións do presidente provincial trala reunión coa Alcaldesa de Lugo|Descargar mp3

Noticias relacionadas