Concello e Deputación de Lugo, únicas administracións que apoian o ExpoLugo Rural 2018

A cita, que conta de media con 16.000 visitantes e na que participarán un total de 300 cabezas de gando –das que o 90% son de Lugo- que teñen un valor estimado de medio millón de euros. Tamén haberá un total de 29 expositores de alimentación, artesanía, alimentación e gandaría

A Feira é tamén unha oportunidade de negocio pois conta con representación de empresas relacionadas co sector rural e gandeiro, converténdose así nunha boa plataforma para aumentar os beneficios dos produtores lucenses

Charlas técnicas, asembleas, xuntanzas de socios, desfile do gando de razas polas rúas de Lugo, concurso de raza porco celta, son só algunhas das actividades que completan a programación de ExpoLugo 2018. A entrada é gratuíta

Xoves, 04 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación de Lugo, únicas administracións que apoian o ExpoLugo Rural 2018

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e o Xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, Rubén López, presentaron este xoves a programación do ExpoLugo Rural 2018, unha feira multisectorial de referencia para o sector e que se celebra esta fin de semana, coincidindo co San Froilán, no Pazo de Feiras e Congreso. Concello e Deputación apoian esta cita de referencia para o sector gandeiro e agroalimentario. A Xunta de Galicia decidiu non colaborar.

Miguel Fernández Méndez, puxo en valor esta mostra agroganderia, xa consolidada no sector e un referente tanto na provincia como na Comunidade. Así mesmo, o edil destacou a aposta do Concello de Lugo polo rural, como nicho de emprego, capaz de fixar poboación e mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. De feito, o Goberno local busca continuar impulsando o rural, pois máis do 80% do municipio sitúase no rural, no que vive máis do 10% da poboación.  

Pola súa banda, Darío Campos valorou a importancia desta cita, que conta de media con 16.000 visitantes e na que participarán un total de 300 cabezas de gando –das que o 90% son de Lugo- que teñen un valor estimado de medio millón de euros. Tamén haberá un total de 29 expositores de alimentación, artesanía, alimentación e gandaría.

O Presidente destacou que “dende o Goberno da Deputación decidimos colaborar con esta iniciativa para recuperar o ámbito máis tradicional do San Froilán que, historicamente, se coñecía como a feira das feiras. Durante moitos anos, a cita atraeu a gandeiros de toda a provincia para comercializar os seus produtos na capital luguesa. Ademais, o ExpoLugo Rural é a cita de gando de carne máis importante xa non só de Galicia, senón no noroeste peninsular, o que a converte nun escaparate único para produtores e gandeiros lucenses”.

Ruben López Fernández, Xerente de Pazos e Congresos de Lugo, agradeceu a colaboración da Deputación e do Concello de Lugo na celebración desta nova edición, que se celebrará os días 6 e o 7 de outubro, dende ás 11 da mañá ata ás 21:00 horas, na que a entrada é gratuíta.

Mostra gandeira e agroalimentaria

ExpoLugo, A Rural terá lugar do 6 e 7 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Nela poderase desfrutar da mostra gandeira, que se converterá na máis completa exposición gandeira de Galicia xa que nela participarán as principais razas autóctonas galegas, así coma outras de ámbito nacional, coa presenza das súas asociacións xestoras e de animais en vivo. Razas de bovino, caprino, equino, porcino e avícola, que farán as delicias de pequenos e maiores, nun acercamento e revalorización do eido rural á cidade. No programa tamén haberá unha mostra agroalimentaria de Razas Autóctonas, e que contará cunha exposición de produtores de razas autóctonas con venda de produtos directamente do produtor ao consumidor.

Oportunidade de negocio

Na Feira participarán stands de empresas relacionadas co sector rural e gandeiro, no que destacarán as últimas innovacións e servizos nos sectores gandeiro e agrario que, na provincia de Lugo, supoñen unha parte esencial tanto a nivel económico como social, axudando a mellorar a súa competitividade, converténdose así nunha boa oportunidade de negocio tanto para empresas e entidades como para os propios gandeiros.

Máis actividades

Ademais da zona expositiva agrogandeira, agroalimentaria e artesá, esta Feira verase completada con outras actividades sempre relacionadas co sector primario. Deste xeito, terán lugar, entre outras actividades, a presentación de produtos e novidades no sector en servizos como ferramentas, aplicacións e maquinaria. Tamén haberá charlas técnicas, celebración de asembleas e xuntanzas de socios, desfile do gando de razas autóctonas pola rúas de Lugo, Concurso- Exposición Provincial da Galiña de Mos, Concurso de Raza Porco Celta, Curso de Xuíces de Raza Rubia Galega, Concurso-Exposicións de Gando de  Raza Rubia Galega, no que participan máis de 105 animais, así como  e degustacións de produtos de raza autóctona.

Noticias relacionadas