Concello e Deputación de Lugo destinan 7.500 euros a ALCER para o transporte e atención dietética de 200 enfermos renais

Lara Méndez e Darío Campos mantiveron este martes un encontro cos usuarios da Asociación para la lucha contra las enfermedades renales de Lugo, no que se abordaron os resultados dos programas que se realizan grazas ao apoio das dúas institucións

Esta fin de semana terá lugar no Pazo de San Marcos a XI Xornada Renal de ALCER, dirixida aos doentes deste tipo de patoloxía e na que participarán cirurxiáns, biólogos, farmacéuticos e nefrólogos da provincia de Lugo

Martes, 07 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación de Lugo destinan 7.500 euros a ALCER para o transporte e atención dietética  de 200 enfermos renais

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, mantiveron este martes un encontro cos usuarios de ALCER LUGO (Asociación para la lucha contra las enfermedades renales de Lugo). Fixérono xunto á Presidenta e ao Vicepresidente deste colectivo, María José Otero e Paulino Blando.

O Concello de Lugo cede a ALCER un local na Casa Clara Campoamor e achega 2.500 euros, destinados ao proxecto de mantemento e atención dietética, que actualmente están a recibir máis de 200 persoas con enfermidade do ril.

Pola súa parte, o Goberno da Deputación colabora anualmente con este colectivo cunha achega económica de 5.000 euros para a administración do transporte dos usuarios que están recibindo tratamento de hemodiálise hospitalaria nos 4 centros da provincia de Lugo: o Hospital Universitario Lucus Augusti, de Lugo, o Hospital Xeral da Costa, en Burela; e as Clínicas de Diálises privadas de Lugo e Monforte de Lemos.Estes fondos permiten a xestión do traslado de 197 lucenses que están a recibir tratamento hospitalario de hemodiálise, a través do servizo de taxis. Grazas o labor desta asociación, Lugo é a única provincia de toda Galicia na que se realiza este tipo de traslado, que resulta fundamental para que os doentes estean o menor tempo posible de traxecto dende o seu domicilio ao centro onde reciben a atención profesional e facer, deste xeito, unha ruta máis accesible. Nestes momentos, a provincia conta con 23 vehículos que prestan servizo aos preto de 200 afectados por insuficiencia renal.

A Alcaldesa agradeceu “o importante labor que realiza ALCER en Lugo dende hai 36 anos, ofrecendo información e asesoramento aos seus máis de 400 socios e socias sobre a insuficiencia renal crónica, ademais de prestar servizos e organizar actividades para mellorar a calidade de vida das persoas que padecen esta doenza”.

Pola súa parte, Campos Conde subliñou que “hoxe en día na provincia de Lugo están afectadas por algún tipo de insuficiencia renal máis de 30.000 persoas, o que supón o 10% da poboación lucense. Con estes datos, que cada ano van en aumento, é primordial que dende as administracións públicas traballemos da man e invistamos máis en investigación, prevención e concienciación, pois cun estilo de vida saudable e unha mellor alimentación podemos baixar o número de enfermos renais. Por iso dende o Goberno da Deputación colaboramos con ALCER LUGO no transporte de preto de 200 persoas con insuficiencia renal, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida, pois realizan este traxecto 3 ou 4 veces á semana, aínda que non teñamos as competencias directas nesta materia.”

ALCER LUGO
A Asociación para la lucha contra las enfermedades renales de Lugo é unha entidade sen ánimo de lucro con fins de carácter social, que se constituíu no ano 1981, e que posúe máis de 450 socios. ALCER LUGO posúe unha oficina e sala de reunións, ademais de contar con varios profesionais, como unha psicóloga, unha administrativa e varios voluntarios. A súa función principal é a de ofrecer información e asesoramento sobre a insuficiencia renal crónica (I.R.C.); acompañamento e apoio nas diferentes etapas do tratamento; asesoramento laboral, legal, nutricional e psicosocial individualizado; e colaborar coa Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia. Ademais de prestar estes servizos, organizan ao longo do ano actividades para mellorar a calidade de vida dos doentes, como obradoiros de cociña, manualidades ou exercicio físico, así como campañas de información e sensibilización.

XI Xornada Renal de ALCER
Ademais da axuda para o traslado dos doentes que están recibindo tratamento de hemodiálise, Concello e Deputación de Lugo colaboran con ALCER Lugo coa celebración da XI Xornada Renal que se celebrará durante esta fin de semana no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Está dirixida aos doentes deste tipo de patoloxía e nela participarán cirurxiáns, biólogos, farmacéuticos e nefrólogos da provincia de Lugo.

Noticias relacionadas