Concello e Deputación de Lugo conmemoran o sábado o Día dos Maiores con actividades na Praza Maior

A Alcaldesa e o Vicepresidente presentaron este xoves as actividades que se desenvolverán en horario de 17:00 a 19:00 horas diante da Casa Consistorial

Xoves, 29 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
 Concello e Deputación de Lugo conmemoran o sábado o Día dos Maiores con actividades na Praza Maior

Concello e Deputación de Lugo conmemoran o Día Internacional das Persoas Maiores, que se celebra este sábado 1 de outubro, con actividades gratuítas na Praza Maior, que presentaron hoxe a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos. Consistirán nunha chocolatada, inchables para os máis cativos, obradoiros de fotografía e o proxecto Memoria Dixital, que desenvolverá a Fundación TIC, dende as 17:00 ás 19:00 horas.

Durante a presentación, a Alcaldesa manifestou o compromiso do Concello e da Deputación cos maiores, non soamente polo que representan en termos cuantitativos, máis do 20% da poboación do municipio lugués, senón tamén pola súa importancia social. A Rexedora enxalzou o papel que xogan os maiores na actual situación económica, pois volven ser o apoio de moitas familias. Hoxe o 70% dos avós coidan aos seus netos, recaendo neles a rede de protección de familias. Grazas eles poden manter o seu nivel de vida ou subsistir”.

“Fronte aos que entenden o envellecemento como un problema, nós entendémolo como un éxito social. Ser maior non é só cuestión de idade, é cuestión de coñecemento e experiencia, e tamén de valores, valores que se transmiten de xeración en xeración”, asegurou Lara Méndez, ao tempo que facía fincapé na acumulación da sabedoría dos maiores, da que unha sociedade no se pode permitir prescindir.

“Concello e Deputación temos a responsabilidade de volcarnos cos maiores para devolverlles todo o esforzo e traballo que fixeron pola sociedade ao longo de tantos anos. As actividades deste sábado soamente son un pequeno homenaxe, porque tedes dereito a que vos demos as grazas por todo o voso esforzo”, concluíu Méndez.

Pola súa banda, Santos Ramos salientou que “non podiamos faltar a esta cita. Os maiores da nosa provincia forman unha parte esencial do labor que desenvolvemos dende a TIC da Deputación co obxectivo de que as novas tecnoloxías sirvan de ferramenta para mellorar a súa calidade de vida. Sairemos á rúa para que a sociedade coñeza a grande labor social que desenvolvemos dende a TIC. Un traballo avalado pola alta demanda que hai dos cursos do InLugo, no que as prazas se esgotan en escasas horas”.

Multimedia

  •  Concello e Deputación de Lugo conmemoran o sábado o Día dos Maiores con actividades na Praza Maior

Noticias relacionadas