Concello e Deputación de Lugo achegan 217.000 euros para o rocódromo do Pazo de Feiras

Trátase dun proxecto de gran importancia para a cidade, destinado a ser referente nacional entre os máis de 230.000 deportistas federados. Será o único centro en España no que se poderán practicar as súas tres modalidades: velocidade, dificultade e búlder

As instalacións tamén poderán ser usadas por afeccionados e deportistas de base, fomentando en todos os niveis a práctica deste deporte que ven de ser declarado Olímpico para Tokio 2020

Luns, 04 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación de Lugo achegan 217.000 euros para o rocódromo do Pazo de Feiras

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, e o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, xunto a outras autoridades, supervisaron o espazo onde se vai situar o novo rocódromo da cidade, no Pavillón Número 1 do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, un proxecto para o que o Goberno do Concello e da Deputación de Lugo destinan 217.000 euros, un 60% do orzamento total. A obra licitouse o pasado mes de novembro co acordo dos catro membros do padroado: a Deputación, o Concello de Lugo, a Xunta de Galicia e a CEL.

Trátase dun proxecto de gran importancia para a cidade, pois poderá ser usado por principiantes e por profesionais, contará cuns 100 metros de longo e uns 16 de altura, e os usuarios poderán adestrar nas tres modalidades que veñen de ser proclamadas como disciplinas olímpicas para Tokio 2020: velocidade, dificultade e Búlder.

Pola súa banda, Fernández Méndez apuntou que "con esta nova instalación, acondicionamos unha zona pública lúdica moi empregada por toda a veciñanza para a práctica de actividades deportivas, o que contribuirá a dinamizar a cidade"  e amosouse “satisfeito porque Lugo conte con este novo equipamento deportivo”.

Rivera Capón destacou que “Lugo poderá ser un referente nacional na practica deportiva do Alpinismo e a Escalada, a quinta con máis licencias en toda España, grazas a esta colaboración entre institucións, pois non hai ningún outro rocódromo no que os máis de 230.000 deportistas federados poidan practicar as súas tres modalidades”.

O Deputado tamén explicou que “ademais as instalacións permitirán a promoción deste deporte, permitíndolles aos veciños de Lugo desfrutar dunhas instalacións de primeiro nivel, nas que se poderán desenvolver actividades para o deporte base e escolar, nun espazo que una a práctica deportiva e o lecer”.

Multimedia

  • Concello e Deputación de Lugo achegan 217.000 euros para o rocódromo do Pazo de Feiras

Noticias relacionadas