Concello e Deputación conclúen os trámites urbanísticos para poder outorgar licencia ao centro de día de autismo de Raiolas

A Xunta de Goberno aprobará previsiblemente o permiso a vindeira semana, tras aceptar na sesión de hoxe a cesión por parte da entidade provincial de 7.600ms2 de terreos do aparcadoiro do Campus con destino a viario público

Aprobados os criterios selectivos para a contratación de 20 persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social preceptoras da RISGA

Autorizado o uso dos locais das casas María María e Clara Campoamor a 19 colectivos sociais do municipio

Mércores, 27 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Concello e Deputación de Lugo concluíron os preceptivos trámites urbanísticos para poder outorgar licencia á asociación Raiolas para o acondicionamento do centro de día de autismo que proxecta na antiga gardería do Campus. O voceiro municipal, Miguel Fernández, informou de que a Xunta de Goberno aprobou este mércores aceptar a cesión por parte do organismo provincial dos terreos do aparcadoiro do Campus, anexo á biblioteca Intercentros, dende a súa intersección coa rúa Pablo Iglesias, cunha superficie de 7.678,94 metros cadrados, para destino a viario público, que deberá urbanizar a Deputación. A cesión destes terreos e a urbanización foron aprobados polo Pleno da entidade provincial en marzo.

Rematada esta tramitación, que foi complexa en tanto que esixiu tamén previamente unha interpretación en Pleno e unha corrección de erros do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), o Concello pode agora aprobar a concesión da licencia a Raiolas. De feito, ten previsto facelo na Xunta de Goberno da vindeira semana.

O inmoble no que a asociación creará o primeiro centro de día da provincia para persoas con autismo foille cedido de maneira gratuíta pola Deputación, que tamén lle concedeu unha subvención de 90.000 euros para acondicionalo edificio.

Inserción laboral

Así mesmo, a Xunta de Goberno deu luz verde aos criterios selectivos para a contratación de 20 persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social preceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA). En concreto, ao abeiro dunha subvención de 142.500€ da Consellería de Economía, o Concello favorecerá a inserción laboral contratando a un encargado, 3 oficiais e 16 peóns durante 7 meses a media xornada para a realización de traballos de conservación e mellora de infraestruturas e servizos municipais.

No relativo a persoal, tamén se aprobaron as bases para a provisión, polo sistema de libre designación, dos postos de Tesourería Municipal e intervención xeral do Concello.

Apoio ao movemento asociativo

Na reunión de hoxe, o Goberno autorizou o uso dos locais das casas María Mariño e Clara Campoamor a 19 colectivos de interese social do municipio, no marco do seu apoio ao movemento asociativo. Segundo a resolución da convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva convocada polo Concello para a adxudicación dos locais, Adace, Capaces, Concepción Arenal, Somos, Rioplatenses, Enfermos Crónicos, Lupus, Corazóns Artesáns, Reiki e Fadas terán espazos na Casa María Mariño e Afalu, Alcer, Raiolas, Auxilia, Parkinson, Fademga, Alucem e Agafi, na Casa Clara Campoamor.

Por outra banda, a Xunta de Goberno tomou razón das renuncias presentadas polos catro adxudicatarios das casetas e caldeiros do polbo das festas de San Froilán, incautar as garantías definitivas que constituíron e iniciar un novo expediente de adxudicación.

Na sesión desta mañá, o Executivo tamén aprobou incoar expediente para esixir responsabilidade a Creus&Carrasco, redactora do proxecto para a rehabilitación do Vello Cárcere, polos erros e deficiencias existentes no mesmo en canto ao sistema de climatización do auditorio, segundo determina o informe de Arquitectura municipal, ademais de requirirlle a redacción dun proxecto para corrixilos, advertindo de que, de non facelo, se iniciarán os trámites para a correspondente execución subsidiaria por parte do Concello.

Audio

  • Miguel Fernández sobre o Centro de Día Raiolas | Descargar mp3

Noticias relacionadas