Concello e Deputación colaboran coa Asociación Carballeira de Nadela na recuperación de zonas verdes

Un convenio entre o Concello, a Deputación e a asociación facilitará a delimitación da carballeira, para evitar o seu deterioro, e a construción dun cobertizo de madeira para a venda de polbo

Mércores, 13 de maio de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello, a Deputación provincial e a Asociación Carballeira de Nadela colaboran na recuperación do relevante espazo verde que supón a devandita carballeira, que é escenario de numerosas feiras e actividades ao longo do ano.

Este venres está previsto que a Xunta de Goberno da Deputación aprobe o convenio ó abeiro do cal a institución provincial achegará a cantidade de 48.394 euros que se investirá na delimitación desta zona verde, co fin de evitar o seu deterioro, así como na construción dun cobertizo de madeira, que servirá para a venda de polbo durante as feiras que alí se celebran.

A carballeira atópase dividida actualmente en dúas zonas, separadas por un vial de acceso. Coas actuacións contempladas neste convenio quedarán delimitadas as dúas marxes deste vial, de xeito que se impida o acceso de vehículos ao interior destas dúas zonas verdes evitando futuros danos. Esta separación realizarase con preto de 100 bolardos de madeira tratada, cunha separación entre cada un deles duns 1,5 metros.

Un novo cobertizo para as feiras

Ademais, o futuro cobertizo de madeira que se contruirá pasará a formar parte do conxunto de edificacións existentes no interior da carballeira de Nadela, que servían tradicionalmente de puntos de venda durante a feira que nela se celebra, as cales foron restauradas recentemente para darlles ese mesmo uso.

Este cobertizo, destinado a punto de venda de polbo durante ditas feiras, constará dunha estrutura de madeira de castiñeiro e cuberta de pizarra, a cal quedará instalada sobre 10 piares de canteiría en granito, asentados nun pavimento de formigón. A superficie desta edificación será duns 12x8 metros.

Outras melloras

Tamén está previsto executar unha canle e dous pozos de rexistro, un a cada lado do vial, co fin de recoller a auga e canalizada, dado que no punto máis baixo da carballeira soen acumularse as augas procedentes das chuvias.

Noticias relacionadas