Concello e Deputación colaboran co I Balonmán na Rúa para reactivar este deporte, cunha gran tradición na cidade

A iniciativa, organizada polo Club Balonmán Lucus, consiste en trasladar os partidos da Liga Cidade de Lugo a un espazo accesible e en horario amplo para que poida ser atractivo para os nenos e nenas

Celebrarase este venres 12 e o 19, de 17:00 a 20:00 horas, no aparcamento do antigo Seminario

Mércores, 10 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación colaboran co I Balonmán na Rúa para reactivar este deporte, cunha gran tradición na cidade

O Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, o Deputado provincial de Deportes, Pablo Rivera, e o xefe territorial de Deportes da Xunta, Manuel Cadramón, xunto con representantes do club organizador, Luis Candamio e Stela Máis, presentaron este mércores a actividade Balonmán na Rúa, unha novidosa iniciativa que terá como escenario o aparcadoiro do Centro de Servicios Municipais, o antigo Seminario.

Miguel Fernández agradeceu o esforzo do Club Balonmán Lucus por achegar o balonmán ao máis cativos, deporte que contou cunha grande tradición na cidade e que, con este tipo de actividades, preténdese volver poñer en valor.

O Concelleiro animou aos rapaces e rapazas a que se acerquen a este deporte, sendo esta a mellor das ocasións para facelo. Fernández confía en que esta iniciativa teña continuidade, para o que ofreceu a colaboración do Concello.

Rivera Capón destacou que “para o Goberno da Deputación é moi importante que o balonmán volva a situarse no lugar que ocupou nesta provincia, pois foi un referente dentro das disciplinas deportivas lucenses. Quero felicitar aos clubs da provincia pola súa aposta por este tipo de iniciativas e proxectos que achegan aos máis mozos o balonmán. Estou seguro de que a partir desta base poderemos traballar xuntos para que este deporte volva a ser un referente en Lugo”.

Pola súa banda, Luis Candamio, expuxo, polo miúdo, o desenrolo desta actividade, que se levará a cabo os próximos venres 12 e 19, en horario de 17:00 a 20:00 horas. En esencia, tratase de trasladar os partidos da Liga Cidade de Lugo a unha zona da cidade accesible para o público en xeral, e nun horario suficientemente amplo para que poida ser atractivo para os nenos e nenas da cidade.

Noticias relacionadas