Concello e Deputación apostan de novo pola promoción, dende a base, do xadrez en Lugo

Miguel Fernández, Pablo Rivera e Pablo Castro presentaron as novas actividades para o vindeiro curso da Escola Luguesa de Xadrez

Martes, 11 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación apostan de novo pola promoción, dende a base, do xadrez en Lugo

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, e o director da Asociación Cultural Xaquedrum, Pablo Castro, deron a coñecer este martes, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, as novas actividades, que desenvolverá o vindeiro curso a Escola Deportiva de Xadrez, coa que colabora o Concello e a Deputación, dentro da súa aposta, dende a base, por este deporte.

Durante o acto de presentación, Miguel Fernández agradeceu o traballo da Escola Luguesa de Xadrez, que ano tras ano leva a cabo esta programación, "que é cada vez máis seguida por veciños e veciñas de todas as idades". Así mesmo, o Concelleiro amosou a disposición da entidade local de seguir apoiando a actividade de xadrez no municipio; ao tempo que subliñou a importancia e as múltiples ventanxas desta disciplina, "que máis aló do eterno debate de se é un xogo ou un deporte, permite exercitar a mente, desenvolver a habilidade mental, fomentar tamén o coñecemento científico e as relacións interpersoais". Para rematar, desexou moito éxito de participación nestas actividades.

Pola súa banda Pablo Rivera puxo o énfase en darlle relevancia a este deporte, "co que dende a Deputación seguiremos colaborando, porque pensamos que este tipo de actividade deportiva fomenta que os nosos nenos e nenas desenvolvan capacidades que noutros deportes non teñen fortuna de desenvolver". Así mesmo tamén tivo palabras para facer un chamamento de insrición e para que a programación siga medrando.

Pablo Castro, quen agradeceu a continua colaboración de Concello e Deputación, avanzou que Lugo contará con clases de xadrez, ben de iniciación ou perfeccionamento para nenos e nenas dende os 4 anos, así como con clases para adultos. Todas elas terán unha duración de outubro a maio e o prazo de inscrición abre mañá mércores, podendo facerse ben nas instalacións da propia escola, no Edificio das Asociacións no Parque da Milagrosa, ou no mail escola.luguesa.xadrez@gmail.com. Tamén haberá Xadrez na rúa, de luns a venres, do 12 ao 28 de stembro, dende as 18:00 ás 20:00 horas, na Praza Maior, "para achegarnos á poboación e para facilitar a conciliación", subliñou Castro.

Tamén se presentou esta mañá o XII torneo Scacorvm, válido para FIDE, terá lugar os días 28, 29 e 30 de setembro, no complexo xuvenil Lug2. A inscrición custa 20 euros e repartiranse 1.400 euros en premios. Agárdase a participación de 60 xogadores e xogadoras. 

Multimedia

  • Concello e Deputación apostan de novo pola promoción, dende a base, do xadrez en Lugo

Noticias relacionadas