Concello e Deputación animan á participación o 3M para conseguir un día histórico para os dereitos das mulleres

A Concelleira de Igualdade e a Deputada provincial de Promoción Económica e Social presentaron a programación municipal con motivo do Día da Muller, que arranca esta tarde no Vello Cárcere coa exposición 7 mulleres que falan a través da arte, ha(v)helas.

Venres, 01 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

7 mulleres que falan a través da arte, ha(v)helas é a exposición coa que o Concello de Lugo inicia este venres, ás 19.00 horas, no Vello Cárcere, a extensa programación que, durante todo este mes, quere dar visibilidade ao Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, e a todo o movemento feminista na súa loita pola igualdade.

A Concelleira de Igualdade, Ana Abelleira, presentou o programa acompañada da Deputada provincial de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, animando a toda a cidadanía a participar tanto na manifestación deste domingo, 3 de marzo, organizada pola Asemblea Galega e que se espera reúna a miles de mulleres de toda Galicia en Lugo, cidade que acolle este ano esta gran protesta do movemento feminista, así como a do 8 de marzo.

“Hoxe máis que nunca debemos estar todas as mulleres unidas, con fortaleza, como recolle a nosa marca de cidade Mulleres con Forza, para non dar pasos atrás na loita polos nosos dereitos. Temos máis de 1.000 motivos para seguir reivindicándoos, e máis agora que corren serio risco de perderse”, afirmou, e instou a conseguir que o 3M sexa “un día histórico”. Pola súa banda, Sonsoles López sostivo que “desde a Deputación, como entidade colaboradora, animamos a participar este domingo co  fin de conseguir unha presenza masiva de mulleres porque non debemos parar ata que alcancemos todos os dereitos en igualdade”.

Colaboración na organización e difusión

A Concellaría de Igualdade traballou en estreita colaboración coas representantes da Asemblea Galega do 3 M para facilitar o desenvolvemento dos actos e acoller nas mellores condicións ás miles de mulleres que virán o 3 de marzo. “A Asemblea traballou con autonomía propia adoptando as súas decisións, e desde o Concello tan só intentamos dar resposta ás súas demandas de organización, desde a lealdade institucional, para acoller a todas as mulleres que crean no feminismo. Fixemos un gran esforzo na organización e na difusión porque cremos que é unha obriga que como institución temos coas mulleres e o futuro dos nosos fillos e fillas”.

A programación municipal será moi variada. Destaca a presentación de dous libros, o da avogada Nuria González, que conta en Ventres de aluguer cal é o negocio que está detrás desta práctica, e Pelexa de Galos, de Fernanda Ampuero.

Tamén se programou teatro, con Chévere e a súa obra Fillas bravas, que revisa o rol da muller na Galicia do interior desde un punto de vista tan dignificativo como reivindicativo e humorístico; a obra Tabú, de Tarabela Creativa, show de narración oral onde se recollen historias de mulleres galegas, e os microteatros.

A música porana Batuko Tabanca, a Banda Loba e Cantar Delas, e o mes péchase con danzas femininas. Proseguirán, ademais, os Faladoiros Feministas, nesta ocasión con Mª Xosé Agra.

Este mes tamén se entregarán os premios Entre Mulleres á mulleres representativas e desenvolverase a Ruada Feminista o día 8 de marzo, e a Andaina pola Igualdade, o día 10.

Máis info

Noticias relacionadas