Concello e Confederación Hidrográfica desbloquean o Plan Paradai coa sinatura do convenio que permitirá atallar as crecidas no Rato

A firma prodúcese 21 anos despois de acordar coa Xunta a unión deste barrio co das Gándaras.

As obras terán un custo de 650.000 euros e a administración local sufragará o 25%.

Lara Méndez: “O desenvolvemento urbanístico da zona era unha débeda pendente coa súa veciñanza e un freo ás comunicacións e ao crecemento sostible da cidade”.

Venres, 07 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Confederación Hidrográfica desbloquean o Plan Paradai coa sinatura do convenio que permitirá atallar as crecidas no Rato

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Confederación Hidrográfica, José Antonio Quiroga, asinaban esta mañá o convenio do Plan Paradai.

Un documento que recolle as actuacións necesarias para - segundo sinalou a rexedora - “seguir avanzando no desenvolvemento dos barrios das Gándaras e Paradai, 21 anos despois de comprometer coa Xunta de Galicia a súa unión”.

Lara Méndez explicou que o acordo terá por obxecto a execución dos estudos, proxectos e obras que permitan reducir o risco de inundación durante as crecidas producidas polo río Rato na contorna da glorieta da rúa Serra de Meira.

A alcaldesa lembrou que as actuacións que recolle abranguen a redacción dun proxecto que permita mellorar a capacidade de desaugadoiro do tramo fluvial canalizado nese enclave concreto, intervindo sobre a sección canalizada do treito sito augas arriba do caixón de formigón que discorre soterrado, para aumentar a súa capacidade o que obriga a modificar a xeometría actualmente existente.

No proxecto estudarase, así mesmo, a conveniencia de actuar da mesma maneira no tramo de río canalizado augas abaixo da glorieta.

Orzamento

O investimento total para a execución das obras estímase en 650.000 euros, dos que a CHMS achegará 487.500 €, o que supón unha porcentaxe do 75%, e o Concello de Lugo aportará o 25% restante (162.500 €).

A Confederación Hidrográfica afrontará, con eses cartos, o custo de execución dos traballos, dirección e vixilancia dos mesmos, ademais dos gastos correspondentes ás medidas de seguridade e saúde estimados, e unha vez finalizadas e recibidas as obras trasladarase comunicación ao Concello. Correspóndenlle, tamén, á Confederación licitar, adxudicar e xestionar os contratos precisos, así como as demais actuacións necesarias para executar o convenio ata a súa terminación definitiva.

Pola súa banda, será responsabilidade municipal o mantemento e conservación das obras obxecto do acordo – segundo a repartición competencial sobre o dominio público que a lexislación de augas establece – e a aprobación do proxecto construtivo, redactado pola Confederación, de forma que substitúa ao outorgamento da licenza municipal, no caso de que esta resultase necesaria.

O acordo, “froito da colaboración permanente entrámbalas dúas entidades”, como subliñou a rexedora, terá unha duración de catro anos que poderá ser prorrogado, en caso de que sexa necesario, por catro anos máis.

Así, Lara Méndez referiu que “para o desenvolvemento desta colaboración e ata o momento da entrega das actuacións, establecerase unha Comisión Mixta que estará composta por un representante de cada unha das partes e que terá, entre os seus cometidos, o seguimento, vixilancia e control da execución do Convenio e dos compromisos adquiridos ao seu abeiro, así como a solución das dúbidas que poidan xurdir en canto á súa interpretación e cumprimento”.

Para a alcaldesa de Lugo, “hoxe é un día moi positivo, porque resultaba necesario dar pasos para seguir impulsando o crecemento da cidade pero tamén o desenvolvemento urbanístico deste punto da capital, mellorando as comunicacións e a súa conectividade pero, sobre todo, saldando unha débeda histórica coa súa veciñanza”, concluíu Lara Méndez.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a sinatura do Plan Paradai | Descargar mp3
  • O presidente da Confederación Hidrográfica, José Antonio Quiroga, sobre a sinatura do Plan Paradai | Descargar mp3

Multimedia

  • Concello e Confederación Hidrográfica desbloquean o Plan Paradai coa sinatura do convenio que permitirá atallar as crecidas no Rato
  • Concello e Confederación Hidrográfica desbloquean o Plan Paradai coa sinatura do convenio que permitirá atallar as crecidas no Rato

Noticias relacionadas