Concello e colexios profesionais afondan nunha nova xuntanza na coordinación para axilizar a avaliación dos proxectos de obra

Martes, 19 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Tal e como se comprometera, o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, mantivo este martes, xunto con técnicos municipais de Licenzas e Arquitectura, un novo encontro cos colexios profesionais de arquitectos, aparelladores e enxeñeiros para afondar en medidas de coordinación que contribúan a axilizar a avaliación dos proxectos de obra por parte do persoal do Concello e, deste xeito, acurtar os tempos para a concesión das licenzas de obra maior, pois as menores e as de actividade estanse a conceder en prazo.

Concello e colexios acordaron establecer pautas para estructurar a documentación do proxecto de obra de maneira máis operativa, de xeito que os documentos principais e imprescindibles que deben supervisar os técnicos estea ao principio, ademais de definir cuestións como a inclusión no expediente de planos catastrais da parcela, a superposición do proxecto no plano do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) ou a xustificación da edificabilidade da parcela e o proxecto, e a súa volumetría.

As medidas acordadas xa na anterior reunión, celebrada en maio, son a incorporación de dous técnicos dedicados en exclusiva de tramitar licenzas atrasadas; continuar dando prioridade aos proxectos con subvención (instalación de ascensores e caldeiras, entre outros) e aos de edificios con medidas de eficiencia enerxética e sostibilidade ambiental; e a aplicación do decreto autonómico 144/2016 que aproba o regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos, que permite a axilización dos proxectos de actividade e de obras e actividade que conten coa certificación dunha ECCOM (Entidade de Certificación de Conformidade Municipal); así como a reducción do horario de consultas ofrecido polos técnicos do servizo municipal de Arquitectura, pasando de atender tres días a un, en horario de 11:00 a 14.30h, para que poidan utilizar o máximo tempo posible a supervisar proxectos. Tamén se encomendarán á empresa pública EVISLUSA máis traballos urbanísticos, para liberar aos técnicos do Concello destes traballos e que poidan ocuparse de licenzas.

En canto á posibilidade de establecer un denominado “visado de calidade” dos proxectos por parte dos colexios, isto é, ir máis alá do estritamente establecido nos visados, revisando con maior profundidade a documentación, co fin de que os técnicos municipais poidan logo ser máis áxiles na avaliación da mesma e informar máis rápido, trátase dunha medida de complexa implantación co actual marco lexislativo, polo que, aínda que non se descartou, require dun maior estudo e, en todo caso, a coordinación para estructurar de maneira máis operativa a documentación dos proxectos, acordada hoxe, xa suporá un importante avance para axilizar a avaliación.

Noticias relacionadas