Concello e CHMS comprométense a sacar adiante a área pública de baño no Miño este verán

A Alcaldesa mantivo un encontro co presidente da Confederación, no que acordaron manter colaboración constante e lealdade institucional para axilizar o procedemento que permitirá ofrecer aos lucenses esta demandada dotación

Luns, 09 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e CHMS comprométense a sacar adiante a área pública de baño no Miño este verán

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este luns unha reunión de traballo co presidente da Confederación Hidrográfica do Miño Sil (CHMS), Francisco Marín, na sede deste organismo, en Ourense, na que acadaron o compromiso de sacar adiante a área pública de baño no Miño este verán. A rexedora e o presidente da Confederación acordaron manter unha colaboración constante e lealdade institucional para axilizar en todo o posible o procedemento administrativo que permitirá ofrecer aos veciños e veciñas de Lugo esta demandada dotación no río, así como no resto dos asuntos nos que están implicadas ambas entidades.

No marco desta cooperación e diálogo entre institucións, o Concello remitiulle este mesmo luns á CHMS un oficio coa corrección dun dos mapas de localización da área fluvial integrado na memoria ambiental que lle foi enviada hai uns días por parte da entidade local ao organismo para que, á súa vez, lla remitise á Consellería de Medio Ambiente e esta emita un informe que determine o seguinte paso do procedemento administrativo.

Noticias relacionadas