Concello, Deputación e Sociedade Filarmónica enchen Lugo de música clásica con 11 concertos en vivo

Carmen Basadre, Pilar García e  José Luis Díaz presentaron a nova programación de concertos que terán lugar no Circulo das Artes de Lugo, ás 20:00 horas, de outubro a maio

Martes, 09 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello, Deputación e Sociedade Filarmónica enchen Lugo de música clásica con 11 concertos en vivo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García, e o Secretario da Sociedade Filarmónica de Lugo, José Luis Díaz, presentaron este martes, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a nova temporada de concertos en vivo que se celebrarán de outubro a maio na capital lucense. Todos eles terán lugar no Círculo das Artes de Lugo ás 20:00 horas. As entradas para os non socios pódense mercar nas oficinas do Círculo das Artes e oscilan entre os 10 e 20 euros. Nenos, estudantes universitarios e de conservatorios teñen entrada gratuíta. As altas de socios na Sociedade Filarmónica de Lugo pódense facer no filarmonicadelugo@gmail.com.

O Concello e a Deputación colaboran coa Sociedade Filarmónica a través dunha axuda de  económica de 12.000 euros coas que se financian actividades musicais durante todo o ano.

No acto, Carmen Basadre agradeceulle á Sociedade Filharmónica de Lugo que organicen un evento tan importante como este, “que enche a nosa cidade de cultura musical, que conta ademais coa xente nova que está comezando no mundo da música clásica, o que da mostra da importancia da labor da Sociedade”.

Pola súa banda, Pilar García puxo en valor que “a colaboración entre Deputación, Concello e Filarmónica producen que a cidade de Lugo conte cun total de 11 concertos de música clásica de primeiro nivel, que poñen á nosa provincia no mapa musical a nivel nacional, pero tamén de fóra, pois contamos con músicos e directores con moito prestixio e recoñecemento internacional. Trátase ademais dunha oportunidade única para promover e achegar ao público en xeral a música clásica, dun xeito lúdico e cultural”.

Programación 2017/2018

Todos os concertos terán lugar no Círculo das Artes ás 20:00 horas.

Outubro:

17 de outubro: Real Filharmonía de Galicia.

Maximino Zumalave, Director e Javier Franco, barítono. R. Strauss, J. Arriola e J. Guridi

Novembro:

7 de novembro: Vladimir Petrov, piano. Gañador Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo.

Obras de Rachmaninov, Scriabin, Liszt, Schumann e Prokofiev

28 de novembro: Orquestra de Cámara Solistas de Brno

Vivaldi, Albinoni, J.C. Bach e Beethoven (Triple concerto)

Decembro:

1 de decembro: Banda Filharmónica de Lugo. Concerto 5º Aniversario

Iván Martínez Sabio, director

15 de decembro: Cuarteto AmarArt & Ona Cardona

Quintetos con clarinete de W. A. Mozart e J. Brahms

Xaneiro:

26 de xaneiro: Orquestra Barroca Vigo 430, Coro Rías Baixas

 Lina Tur Bonet, directora, Eugenia Boix (soprano), Gabriel Díaz (contratenor)

Vivaldi: “Gloria”

Febreiro:

8 de febreiro: Viaxe a través da luz do Mediterraneo

Hector Jorge Guedes, barítono e Antonio Luciani, piano

Marzo:

22 de marzo: Trio Wanderer

Vincent Coq (piano), Rafaël Pidoux (violonchelo), Jean-Marc Philips-Varjabédian (violín)

Tríos con piano de F. Schubert

Abril:

6 de abril: Orquestra Sinfónica Vigo 430

Tomás Grau, director.

Mozart: Sinfonía Concertante,Sinfonías no 1 e no 41 ”Xupiter”

Abril/Maio (data sen confirmar)

Cristo Barrios, clarinete & Andrew West, piano

Maio:

21 de mayo Praga Camerata

Pavel Hula, director e Martin Sedlak, violonchelo

Obras de Holst, Schubert, Gershwin e Dvorak

Sociedad Filarmónica de Lugo

Por iniciativa dun grupo de lucenses, sensibles á tradición polifónica da cidade e excelentes compoñentes dun conxunto de pulso e puga chamado Rocho Musical, fundouse  en decembro de 1.946 a sociedade, sendo os seus fins o fomento e difusión da arte musical. Comeza a súa actividade social o 17 de Maio de 1947 cun concerto a cargo da Orquesta Municipal de Bilbao. Desde entón e ininterrompidamente leva organizadas máis de 600 actuacións que fixeron posible a audición en Lugo de destacadas agrupacións e solistas de todo o mundo. Como entidade cultural relevante, contribuíu á fundación do Patronato Pro-Música colaborando na institución das Semanas de Música do Corpus Lucense e na creación do Conservatorio. 

Noticias relacionadas