Concello, Deputación e hostaleiros conmemoran con Raiolas e Capaces o Día Mundial do Autismo

Lara Méndez, Ana González Abelleira, Álvaro Santos e José Francisco Real, xunto con familias de Raiolas e Capaces, celebraron esta data con ducias de actividades na capital

No Pazo de San Marcos, engalanado cun lazo e globos azuis, descubriuse un pictograma. Posteriormente, houbo unha camiñata reivindicativa pola Muralla e leuse un manifesto na Praza Maior, diante o Consistorio lugués

17 establecementos lucenses ofrecerán durante o mes de abril xantares solidarios para recabar fondos cos que colaborar co traballo das asociacións de autismo na provincia

Sábado, 02 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello, Deputación e hostaleiros conmemoran con Raiolas e Capaces o Día Mundial do Autismo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, o Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos, e o Presidente da Asociación Provincial de Hostalería e Turismo, José Francisco Real, xunto con ducias de persoas de Raiolas e Capaces, conmemoraron este sábado o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo.

As actividades arrincaron ás 11:30 horas na Praza de San Marcos, onde se descubriu o pictograma que elaborou Raiolas para identificar o Pazo Provincial e se presentou a iniciativa Xantar Solidario, mediante a cal 17 establecementos lucenses ofrecerán durante o mes de abril xantares cuxos fondos se destinarán ao impulso da actividade de dita asociación. Na mesma praza de San Marcos, nos mupis, proxectouse durante todo o día o vídeo da Fundación TIC sobre o labor que desempeñan Raiolas e Capaces.

A continuación, ás 12:30 horas, toda a comitiva, con ducias de familias de Raiolas e Capaces, fixo un percorrido polo adarve da Muralla, dende a Praza de Ferrol ata a Catedral. Finalmente, leuse un manifesto diante do Consistorio lugués.

Para celebrar esta data, o Concello e a Deputación engalanáronse cun lazo e globos azuis, que tamén luce a Muralla. Pola noite, tanto a Muralla como as instalacións provinciais alumearanse con luces azuis.

Máis actividades
Ao longo do día, na cidade de Lugo houbo mesas informativas, concretamente, nas rúas Bispo Aguirre e a da Raíña, nas que se ofreceu información sobre o autismo. Tamén se levou a cabo a campaña Píntate de azul polo autismo coa que ducias de persoas pintaron na meixela corazóns ou puzzles azuis en mostra de apoio. O Centro Comercial das Termas acollerá o peche das actividades esta tarde cun flashmob.

17 establecementos
Os 17 establecementos que ofrecerán xantares solidarios son: Restaurante España; Cafetería San Marcos; Restaurante Porta Santiago; Xoldra; Brisas; Fiordilatte; Os Tilos; O Mercado Street Food; Canela Bakery Coffee; Arrocería Os Cachivaches; Bríos; Lúa; La Encina; Millenium, Mesón O Cunqueiro; Metropolis; La Ideal.

Multimedia

Noticias relacionadas