Concello, Deputación e ASPNAIS transforman o San José para atender a 300 persoas con capacidades diferentes

Lara Méndez e Darío Campos participaron na 1ª visita ás obras, pois este colectivo convidounos como representantes das principais institucións colaboradoras con este proxecto a través da cesión gratuíta do inmoble e da financiación do proxecto con 130.000 euros

As obras marchan a un ritmo “trepidante” xa que se fixo o 30% do proxecto en tan só tres meses, prevendo que se cumpra ou reduza a praza de execución de 14 meses

O traslado ao San José vai a permitir que ASPNAIS duplique os seus servizos, pois poderá aumentar o servizo de centro de día, ofrecer ata 70 prazas de residencia, así como 5 apartamentos para maiores con vinculación cos usuarios

Mércores, 09 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello, Deputación e ASPNAIS transforman o San José para atender a 300 persoas con capacidades diferentes

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e o Presidente de ASPNAIS, José Reigosa, comprobaron este mércores o avance das obras de transformación do antigo hospital San José na nova sede da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo. Trátase da 1ª visita dende o inicio destes traballos para a que ASPNAIS quixo convidar ao Concello e á Deputación, como principais institucións colaboradoras con esta iniciativa, pois o organismo provincial cedeu gratuitamente estas instalacións, dándolles un uso público e social; e a entidade luguesa financiou con 130.000 euros o proxecto. Ao acto tamén asistiu a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, e o Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos.

Reigosa agradeceu a Méndez e Campos “a súa colaboración” e apuntou que as actuacións van a “un ritmo trepidante”. Dende que se puxeron en marcha, no mes de agosto, levouse a cabo o 30% do proxecto. Isto fai prever que se cumpra o prazo, “e ata que se reduza, senón hai problemas”, o seu período de execución, que é de 14 meses.

O Presidente de ASPNAIS subliñou que o traslado ao San José vai a supor que este colectivo social non só unifique os seus servizos, senón que ademais o duplique, pois gana un novo espazo de 10.000 metros cadrados. Poderán atender a 300 persoas con capacidades diferentes de toda a provincia, ofrecer 5 apartamentos para as familias, así como incrementar ata entre 65 e 70 as prazas residenciais. Neste senso, Reigosa explicou que “é necesaria” a implicación da Xunta de Galicia a través da concesión de prazas públicas para garantir a todas as persoas o acceso ás mesmas, xa que isto conleva reducir o seu custo nun 75%.
Lara Méndez definiu a obra do San José como “un antes e un despois na traxectoria de ASPNAIS” e puxo en valor a “grande labor de inclusión social que leva realizando ao longo de cinco décadas”. A rexedora, que felicitou á asociación polo seu 50 aniversario, fixo fincapé na vocación social deste colectivo, “que o Concello comparte, e así o demostra, dedicando o 21% do seu orzamento, uns 19 millóns de euros, ao benestar e á inclusión social”.

Campos remarcou que “é un pracer ver como marchan a bo ritmo estas obras; ser testemuña de como se está facendo realidade este grande proxecto social polo que apostamos, dende o primeiro momento, Deputación, Concello de Lugo, e, por suposto, ASPNAIS; comprobar como un edificio da Deputación, que en definitiva é de todos os lucenses, vai a ter un verdadeiro uso público e social da man de ASPNAIS, poñendo en valor o patrimonio provincial. Parabéns a todos por este magnífica idea”.

Distribución do edificio

A distribución do edificio está dirixida á atención do maior número de usuarios, atendendo ás súas necesidades específicas. No soto, na parte esquerda, afincarase o departamento administrativo, e na parte dereita as cociñas e comedores. Na planta baixa, ubicaranse os talleres ocupacionais de xardinería, carpintería, xabóns, velas e alfombras. Tamén o centro de día e un salón de actos. No primeiro andar, estará a residencia con capacidade para entre 65 e 70 persoas, ademais da sala de usos múltiples. No segundo andar, haberá 5 apartamentos para maiores que teñan vinculación cos usuarios.

Noticias relacionadas