Concello, Deputación e apicultores impulsan as I Xornadas Apícolas e a XXVI Feira do Mel de Lugo esta fin de semana

As xornadas serán os días 28 e 29 de setembro no Pazo de San Marcos. O domingo celebrarase a XXVI Feira do Mel na Praza da Soidade, na queparticiparán 22 apicultores

Mércores, 26 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello, Deputación e apicultores impulsan as I Xornadas Apícolas e a XXVI Feira do Mel de Lugo esta fin de semana

A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, e o Vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández, presentaron este mércores, nos Xardíns da Deputación, a primeira edición das Xornadas Apícolas, organizadas pola Asociación Provincial Lucense de Apicultores. De carácter gratuíto e abertas ao público, as conferencias terán lugar este venres e sábado, en horario de tarde, no Salón de Actos da Deputación. O evento pechará o domingo coa XXVI Feira do Mel de Lugo, na Praza da Soidade, que permitirá adquirir diferentes tipos de mel producidos en Galicia.

Tanto Rielo como Fernández subliñaron o interese das xornadas para todas aquelas persoas que queiran iniciarse na apicultura ou que contemplen dar o salto da apicultura familiar a unha actividade profesional. Ademais, fixeron referencia, segundo os datos que manexa o sector, a escasez da producción de mel este ano, debido ás condicións meteorolóxicas adversas.

A comercialización e a produción de propóleos e as últimas técnicas de erradicación da vespa velutina son outros dos temas das xornadas, que contarán con poñentes de referencia no seu campo. O goberno da Deputación colabora coa Asociación Provincial Lucense de Apicultores na organización do evento.

Programación das xornadas

As xornadas arrincan o venres 28 de setembro ás 19.30 horas cunha charla sobre a importancia da apicultura na nosa sociedade, a cargo de Pablo Piñeiro Fraga, presidente da Asociación Provincial Lucense de Apicultores.

As charlas continúan o sábado ás 16.00 horas coa intervención dun dos principais expertos na vespa velutina de Galicia, o entomólogo Manuel Corral Andrade, que falará da situación actual da vespa invasora e das últimas técnicas en trampas e atraentes. Ás 18.00 horas,  o apicultor Francisco López Devesa, de Mieles Modia, expoñerá os pasos para pasar da apicultura familiar á apicultura profesional. E finalmente, ás 19.30 horas, o apicultor Román Cid Álvarez, presidente da Asociación Abellas Nais, centrará a súa intervención na produción e comercialización de propóleos.

O domingo, terá lugar a XXVI Feira do Mel, na Praza da Soidade de Lugo, de 10.00 a 17.00 horas, onde se poderán adquirir diferentes tipos de mel de Galicia. Nesta edición participarán 22 apicultores. O prezo do mel será de 8 euros o quilo e 4,50 euros, o medio quilo.

Noticias relacionadas