Concello, Deputación e ADACE conmemoran o Día do Dano Cerebral con mesas informativas

Ambas administracións fan unha achega de 20.000 euros a esta asociación, que permiten que este colectivo manteña o seu Centro de Día, que presta atención profesional a 20 persoas

Ana Abelleira e Sonsoles López informaron que se trata dunha campaña de información para dar visibilidade ás máis de 35.000 persoas afectadas en Galicia coa instalación de 6 mesas informativas, distribuídas por toda a provincia

As causas principais de Dano Cerebral Adquirido son os ictus, traumatismos cranioencefálicos, encefalopatías, tumores ou enfermidades neurodexenerativas. En Galicia máis de 35.000 persoas a sofren, das que arredor do 25% son da provincia de Lugo

Luns, 22 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello, Deputación e ADACE conmemoran o Día do Dano Cerebral con mesas informativas

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, e a Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López, informaron este luns sobre a programación de actos con motivo do Día Mundial de Dano Cerebral Adquirido, que se celebra o 26 de outubro. No acto tamén participaron o Vicepresidente e a Directora de ADACE LUGO, Fernando Galdo Rego e Abel Parga, respectivamente.

Trátase dunha campaña de información que organiza esta asociación para dar visibilidade ás máis de 35.000 persoas que teñen algún tipo desta doenza en Galicia coa instalación de 6 mesas informativas, distribuídas por toda a provincia. En concreto, están no HULA (Hospital Universitario de Lugo), no Hospital da Costa de Burela, no Hospital Comarcal de Monforte de Lemos, no Concello de Lugo e na Deputación.

Atención a 20 lucenses no Centro de Día

Concello e Deputación fan unha achega de 20.000 euros a ADACE, que permiten que este colectivo manteña o seu Centro de Día, que presta atención profesional a 20 persoas, de luns a venres, en quendas de 4 horas de mañá e tarde. Contan cunha traballadora social, un terapeuta ocupacional, un logopeda, un fisioterapeuta, dous auxiliares de enfermería, un técnico de animación e deporte e un neuropsicólogo, que ofrecen diferentes servizos específicos como terapia ocupacional, logopedia, fisioterapia e psicoloxía. A metodoloxía da asociación nas instalacións do Centro de Día divídese en 4 fases:

- Fase de Intervención Directa: orientan, informan e asesoran ás familias sobre prestacións sociais; ingresos en centros especiais; seguimento de casos de larga duración; visitas domiciliarias; ou fomentar reunións e conferencias periódicas, entre outras accións.

- Fase de Rehabilitación: valoración dos usuarios con Dano Cerebral Adquirido por parte dos  profesionais da asociación e realización de diferentes obradoiros de actividades diarias; comunicación; psicomotricidade e modificación de conduta.  

- Fase de Intervención Familiar: apoio e formación dos familiares afectados para un maior coñecemento da enfermidade, así como unha mellor aceptación e adaptación do mesmo.

- Fase de Intervención Comunitaria: promover campañas de prevención e información na sociedade sobre a doenza e fomentar a creación de recursos sociais.

Datos sobre o Dano Cerebral Adquirido

As causas principais de Dano Cerebral Adquirido son os ictus, traumatismos cranioencefálicos, encefalopatías, tumores ou enfermidades neurodexenerativas. Na actualidade en Galicia máis de 35.000 persoas sofren Dano Cerebral Adquirido, dos que arredor do 25% de afectados pertencen á provincia de Lugo.  Gran parte dos danos cerebrais poderían evitarse tendo en conta os seus factores de risco e tomando medidas preventivas. Previr o ictus pasa por adoptar hábitos de vida saudables que eviten factores de risco como a tensión, a obesidade ou a hipertensión. O 70% dos traumatismos cranioencefálicos que provocan dano cerebral son consecuencia de accidentes de tráfico, dos que gran parte teñen causas relacionadas co exceso de velocidade e a condución baixo os efectos do alcol e outras drogas. Ademais existe unha maior incidencia destes casos en persoas de entre os 19 e 30 anos.

ADACE

ADACE é unha asociación sen ánimo de lucro, de ámbito provincial, creada no 2006 por persoas afectadas por Dano Cerebral Adquirido, as súas familias e outros colaboradores. Conta con preto de 300 socios e entre os seus obxectivos están promover a acollida, información, orientación e asesoramento a familiares e afectados de dano cerebral sobrevido; así como sensibilizar ás institucións públicas e á sociedade en xeral sobre a problemática do afectado de DCS e das súas familias.

Noticias relacionadas