Concello, Deputación de Lugo e USC promoven o XXIV Festival de Teatro Universitario co Lugo Cultural

O certame celebrarase dende o 13 ao 21 de marzo no Auditorio Gustavo Freire e a entrada é gratuíta, a excepción do curso de formación de Carlota Ferrer

Esta actividade está enmarcada dentro do Lugo Cultural, o convenio de colaboración do Concello, a Deputación de Lugo e a USC, dotado con 60.000 euros das 3 institucións

Os tíckets da obra WK retíranse na Oficina de Cultura situada na Vicerreitoría de Coordinación, o día 9 de marzo de 10:00 a 14:00 horas 

Mércores, 28 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello, Deputación de Lugo e USC promoven  o XXIV Festival de Teatro Universitario co Lugo Cultural

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal, e a Vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carmen Silva, presentaron este mércores, na Capela de Santa María, unha nova edición do Festival de Teatro Universitario. Unha iniciativa enmarcada dentro do Lugo Cultural, o convenio de colaboración do Concello, a Deputación de Lugo e a USC. O festival celebrarase dende o 13 ao 21 de marzo no Auditorio Gustavo Freire e a entrada é completamente gratuíta. Os tíckets da obra WK retíranse na Oficina de Cultura situada na Vicerreitoría de Coordinación, máximo 2 por persoa, o día 9 de marzo de 10:00 a 14:00 horas.

Nesta XXIV edición do Festival de Teatro Universitario presentaranse as diferentes propostas de teatro universitario de Ourense, Santiago de Compostela e tamén da provincia de Lugo, que conta cunha fonda tradición teatral, sobre todo no ámbito universitario. Estas compañías interpretarán os microproxectos nos que traballan estudantes de artes escénicas que se atopan fora de provincia luguesa. A compañía de teatro da USC aposta este ano por un estudo teatral sobre Woyzeck e Kantor. 

Programación

O festival comeza o día de 13 ata o 21 de marzo, no Auditorio Gustavo Freire, e a asistencia ás actuacións é completamente gratuíta. O Programa é o seguinte:

- O 14 de marzo ás 20:30 horas e o 19 de marzo ás 21 horas, terá lugar a actuación da Compañía de Teatro USC-Lugo da obra WK, dirixida por Paloma Lugilde.

- O 20 de marzo ás 20:30 horas, terá lugar a actuación da Compañía de Teatro da USC-Santiago de Compostela, da obra Pasar por Nida, dirixida por Roberto Salgueiro.

- O 21 de marzo ás 20:30 horas, terá lugar a actuación da Compañía de Teatro de Ourense Maricastaña da obra As ondas das pedras do río, dirixida por Fernando Dacosta. Unha interpretación do libro O deus das pequenas cousas, de Arundhati Roy.

Actividades complementarias e formativas

Estas actividades complementarias terán lugar tamén no escenario do auditorio Gustavo Freire, salvo os microproxectos dos alumnos da Escola de Arte Dramático no vestíbulo do edificio e o encontro aberto de Carlota Ferrer, que será na Casa do Saber

- O martes 13 de marzo ás 20:00 hora terá lugar o ensaio aberto da obra WK, a cargo da Compañía de Teatro da USC – Lugo

- O xoves 15 de marzo ás 12:00 horas e o luns 19 de marzo ás 16:30 horas terán lugar as funcións escolares de WK, da Compañía de Teatro da USC-Lugo.

- O sábado 17 de marzo ás 20:30 horas será o encontro aberto coa actriz e directora de teatro,  Carlota Ferrer na Casa do Saber 20:30

- O luns 19 de marzo ás 19:00 horas a compañía Krijalbo interpretará a obra Club de lectura. Unha dramaturxia dirixida por Félix Brixel. Á mesma hora, os alumnos Raquel Velasco, da ESAD de Vigo, e Cristian Fernández, da ESAD de Galicia, realizarán os microproxectos Búsqueda e Introspectiva, respectivamente.

Curso

Do xoves 15 de marzo ao domingo 18 terá lugar un curso Taller de creación que imparte Carlota Ferrer, e que conta con 15 prazas. Inscricións abertas até o 15 de marzo ás 14:00 horas a través de cultura.lugo@usc.es ou do teléfono 982 82 15 13 e teñen unhas taxas de 120 euros a xeral e 90 euros para os universitarios.

Horario:

- O xoves 15 de marzo, de 16:00 a 20:00 horas

- O venres 16 de marzo, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas

- O sábado 17 de marzo, de 9:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas

- O domingo 18 de marzo, de 9:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas

Noticias relacionadas