A Concellería de Xuventude organiza diversas actividades de verán para as mozas e mozos lucenses

Luns, 07 de xullo de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Xuventude, que dirixe Carmen Basadre, organiza para estes meses de verán un conxunto de actividades dirixidas aos mozos e mozas da cidade para que disfruten do seu tempo de lecer.

A Casa da Música engloba un bo número das actividades programadas. A partir do 18 de xullo, todos os venres de 20:00 a 21:30 horas poderán participar nun curso de capoeira. Pero ademais poderán continuar co ritmo os xoves nas clases de Batuka que comezarán o día 17 de xullo e se repetirán cada xoves das 21:30 ás 23.00 horas.

Na praza do Castiñeiro, terá lugar o ciclo de cine Videoforum, que contará con dúas proxeccións semanais: unha infantil, para menores de 12 anos e outra xuvenil para maiores de 12 anos.

Ademais, a Concellería  organizará unha viaxe de tres días á Expo de Zaragoza 2008 para a xuventude lucense, de 18 aos 35 anos. Esta viaxe terá lugar do 22 ao 25 de agosto e inclúe a estancia de 3 noites no hotel en réxime de aloxamento e almorzo, a viaxe en autocar, unha guía acompañante durante toda a viaxe, o seguro de viaxe e a entrada de dous días á Expo. Ofértanse prazas para 45 persoas, e cada unha deberá pagar un importe de 227 euros. Os interesados deberán realizar a súa inscrición na Oficina de Información Xuvenil do Concello de Lugo, sito no Centro Social Uxío Novoneyra, de 10:00 a 13:30 horas,  antes do 22 de xullo.

Por outra banda, a actividade Bike con tento que estaba prevista para a pasada fin de semana e que se suspendeu por mor do tempo, aprázase ao 1 de agosto.Será nesta data condo teñan lugar na Praza Horta do Seminario a exposición de motos e os concertos de Killer (grupo que ensaia nas dependencias da Casa da Música)  e Maldía.

Noticias relacionadas