A concellería de Xuventude abre as inscricións do curso de navegación e copilotaxe 4x4

A actividade, que é gratuíta, desenvolverase en dúas sesións, unha os días 6 e 7 de maio e a segunda o 17 e 18 de xuño. Ambas, dirixidas a lucenses de 16 a 40 anos de idade.

Sábado, 23 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Xuventude abre as inscricións do curso de navegación e copilotaxe 4x4

O goberno de Lara Méndez, a través do Servizo de Prevención de Drododependencias e outras adiccións, adscrito á concellería de Xuventude que dirixe Mauricio Repetto, abre á mocidade lucense o prazo de inscrición do curso de navegación e copilotaxe 4x4.

O curso desenvolverase en dúas sesións no Polígono do Ceao, a primeira terá lugar os días 6 e 7 de maio, e a segunda o 17 e 18 de xuño. “O obxectivo é desenvolver unha actividade na que os alumnos despois de recibir a pertinente instrución en canto a condución 4x4 e navegación, desenvolvan un roteiro de navegación 4x4 por distintas paraxes das proximidades da cidade de Lugo”, explicou o edil, quen incidiu que son actividades que requiren toda a atención e concentración, e ao mesmo tempo que entusiasman sen necesidade de buscar "falsas alegrías ou emocións" a través de substancias psicoactivas nada recomendables.

O curso terá unha parte teórica de 4 horas onde se explicarán os contidos didácticos para desenvolver unha navegación en vehículos 4x4 e nocións de navegación con rumbos e coordenadas  UTM, así como dos  rutómetros utilizados neste tipo de probas.

A parte práctica consistirá nun roteiro de navegación “secreta”, onde os alumnos en grupos e en vehículos 4x4, durante 4 horas completarán un roteiro, validando  puntos de ruta, navegando e  copilotando con  rutómetros dixitais e sistemas de navegación utilizados neste tipo de probas.

A inscrición, que se realizará a través da web lugomasxti.org, será por rigurosa orde e ata cubrir prazas. Terán prioridade as persoas empadroadas no Concello de Lugo. A actividade é gratuíta e inclúe 18 prazas para cada sesión.

Horarios

1ª Edición: Grupo 1

Venres 6 de maio: 16.30h a 20.30h

Sábado 7 de maio:

  • Grupo de mañá - 09.30h a 13.30h
  • Grupo de tarde - 15.30 a 19.30h

2ª Edición: Grupo 2

Venres 17 de xuño: 16.30h a 20.30h

Sábado 18 de xuño:

  • Grupo de mañá - 09.30h a 13.30h
  • Grupo de tarde - 15.30 a 19.30h

Noticias relacionadas