A Concellería de Medio Ambiente quere asumir a recollida de envases

Mércores, 14 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Medio Ambiente quere asumir antes do mes de xuño a recollida de envases en toda a cidade, é dicir, asumir todo o contido dos colectores amarelos que actualmente dependen da Xunta de Galicia. Así o anunciou o responsable deste departamento, Lino González-Dopeso, na presentación dunha xornada sobre a Xestión de Residuos Urbanos que ten como obxectivo sensibilizar á cidadanía. Lino González explicou que nas rúas de Lugo recóllense ó ano 38.000 toneladas de residuos sólidos urbanos, é dicir, unha media de 100 toneladas diarias que en datas sinaladas, como as festas do San Froilán, chegan ás 140. Con respecto ó vidro, o Concello recolle 514 toneladas anuais e mil toneladas de papel. O responsable do Medio Ambiente fixo un chamamento para que os veciños colaboren na limpeza da cidade, xa que sen eles é imposible conseguir unha urbe limpa a pesar de que o Concello segue a apostar pola compostaxe e a reciclaxe. A xornada de residuos enmárcase dentro desta política de sensibilización cidadá. Lino González tamén lembrou que a construcción do punto limpo está en marcha, así como a dos colectores soterrados. Análise da situación O Concelleiro destacou que a evolución dunha sociedade mídese pola súa producción, recollida, tratamento e reutilización dos residuos. Por iso, a xornada tentará revisar a situación xeral e analizar cales son as perspectivas de futuro. A Concellería de Medio Ambiente organiza a xornada o próximo 15 de marzo no salón de actos da Facultade de Humanidades. Vai orientada a responsables políticos e funcionarios da administración local; técnicos e profesionais relacionados con esta materia; profesores de educación primaria e secundaria; alumnos; e representantes de asociacións así como veciños interesados na materia. Os expertos analizarán temas tan diversos como a xestión dos residuos urbanos no Concello de Lugo, o retorno dos envases ou a concienciación cidadá. A xornada rematará cunha mesa redonda na que participarán asociacións veciñais e ecoloxistas, entre outros. A inscrición é gratuíta. Pode realizarse a través da páxina web, ou ben na Concellería de Medio Ambiente (tfno: 982 297 259) ou na empresa Novotec Consultores (tfno: 981 014 747).

Noticias relacionadas