A concellería de Educación oferta actividades extraescolares adaptadas á situación sanitaria aos centros de ensino públicos

“Ademais de ofertar un servizo ás familias, colaboramos no mantemento de postos de traballo”, explicou Felipe Rivas

Felipe Rivas: “no caso de que algún centro decida non autorizar a celebración de actividades nas súas instalacións, habilitaranse alternativas de xeito telemático”

Mércores, 14 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Educación oferta actividades extraescolares adaptadas á situación sanitaria aos centros de ensino públicos

O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, informou dos avances realizados nas actividades extraescolares ofertadas polo Concello para o curso 2020 – 2021. Segundo explicou Felipe Rivas, “debido á situación sanitaria actual tivemos que adaptar as distintas actividades para garantir o cumprimento dos protocolos sanitarios”.

“Desde a concellería de Educación ofertaremos aos distintos centros unha serie de actividades seguras que as equipas directivas dos centros deberán avaliar e informar ao Concello se autorizan ou non a súa celebración”, explicou Felipe Rivas, que destacou “o clima de traballo positivo que mantivemos cos distintos centros desde o inicio da crise sanitaria”.

O edil de Educación explicou que “malia que as actividades se están a deseñar para cumprir en todo momento cos protocolos sanitarios, comprendemos que desde os centros se queiran reducir ao máximo as posibilidades de contaxio, polo que temos actividades preparadas para realizar de maneira telemática”

As actividades ofertadas serán música galega, danza galega, baile latino, baile moderno, zumba, manualidades, debuxo, contacontos e inglés. “Ademais de manter unha serie de actividades para as familias, axudamos tamén a manter os postos de traballo das monitoras e monitores das actividades, que se están a ver moi afectadas pola situación actual”, explicou Felipe Rivas.

Audio

  • O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, sobre as actividades extraescolares do curso 2020 – 2021 | Descargar mp3

Noticias relacionadas