A concellería de Deportes anuncia unha gran proba do Circuíto Corre con Nós para o vindeiro mes de xuño

Mauricio Repetto avanzou hoxe que a sexta onda do Covid, rexistrada en xaneiro, obrigou a reformular a configuración da carreira, antepoñendo a cautela.

“O apoio dos e das deportistas á decisión foi absoluto. Non tería sentido convocar unha cita tan familiar como esta e restrinxir a participación nela”, afirmou o edil.

Venres, 13 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Deportes anuncia unha gran proba do Circuíto Corre con Nós para o vindeiro mes de xuño

A concellería de Xuventude e Deportes organizará este próximo mes de xuño unha gran proba do Corre con Nós que, neste 2022, cambia de formato para adecuarse á situación sanitaria.

O responsable de área, Mauricio Repetto, avanzou hoxe que a carreira, que acostuma aglutinar 6 citas deportivas durante o ano, se concentrará, nesta edición, nunha soa ante o devir que foi experimentando a pandemia e que, no mes de xaneiro, cando correspondería realizar a primeira das competicións, coincidiu coa chegada dunha nova onda de Covid que fixo reformular a estrutura do circuíto por motivos de saúde pública.

“Ante este contexto, dende o servizo de Deportes puxémonos en contacto cos e coas deportistas lucenses e coas asociacións que os agrupan e o que atopamos foi un apoio maioritario á decisión de aprazar a carreira. Non podemos obviar que no Corre con Nós se xuntan centos de persoas, entre elas menores de 3 a 7 anos acompañados das súas familias, en itinerarios estreitos nos que non se poden garantir as distancias de seguridade pero ao que, precisamente por ese carácter familiar, tampouco tería sentido acoutar ou limitar a asistencia, polo que dispuxemos adiala ata o final das restricións”, indicou Repetto Morban.

O edil sinalou tamén que, nestes momentos, esta área municipal traballa na preparación doutros dos eventos incluídos no calendario deportivo local como pode ser a Media Maratón que terá lugar este mesmo mes de maio e que precederá ao Corre con Nós, da que proximamente ofrecerá máis detalles.

“Sabemos que se trata dunha proba emblemática da cidade, cun notable éxito de público e de participación e que se constitúe, ano tras ano, como unha cita ineludible do calendario deportivo local, mais queremos que isto sexa así con todas as garantías polo que primamos a prudencia, postergando o seu inicio. Sen corredores e corredoras non hai carreira e a nosa máxima é sempre coidalos e protexelos antepoñendo a cautela”, concluíu Mauricio Repetto.

Noticias relacionadas