A Concellería de Benestar impulsa a creación dun equipo de traballo multidisplinar para axilizar os expedientes de menores

O obxectivo é efectivizar os recursos de todas as administracións implicadas para o que se prevé a elaboración dunhas guías de intervención conxunta

Martes, 01 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A edil de Benestar, Olga López Racamonde, mantivo hoxe a primeira das reunións co persoal da Xunta de Galicia, do Sergas e do Servizo de Menores para elaborar unha guía de intervención para a atención a este colectivo.

Mellorar as prestacións existentes, efectivizar os recursos e axilizar os procedementos son algúns dos obxectivos que a concelleira pretende obter a curto prazo.

“Dende os Servizos Sociais solicitamos xa no mes de agosto manter esta xuntanza como unha das nosas prioridades de traballo,  ao entender que todas as administracións competentes na materia deberiamos unificar esforzos e operar dunha forma coordinada para gañar en axilidade, en beneficio da cidadanía”, indica Olga López.

“No encontro desta mañá avaliamos a necesidade de permitir que o fluxo de información dos expedientes que se manexan sexa constante entre tódolos organismos implicados na súa abordaxe, de maneira que non só se poidan priorizar as urxencias senón que tamén se poidan evitar listas de espera innecesarias – subliña a edil”.

“Por iso, acordamos establecer un grupo técnico de traballo conxunto para elaborar unha serie de guías de actuación que, dunha forma consensuada, rixan os procedementos de intervención cos que se atenderán, a partir de agora, estes casos, sempre a prol de ofrecer unha asistencia de calidade, rápida e eficaz”, explicou a concelleira de Benestar.

“A nosa vontade é a de poder constituír este equipo nos próximos quince días”, concluíu Olga López Racamonde.

Audio

  • A edil de Benestar, Olga López Racamonde, sobre os expedientes de menores | Descargar mp3

Noticias relacionadas