A Concelleira de Xuventude de Lugo asiste á Asamblea que celebra en Cantabria a entidade que agrupa ás festas históricas

Domingo, 23 de maio de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Arde Lucus entra a formar parte da Federación que agrupa as festas e recreacións históricas de España. Este organismo celebra a súa undécima asemblea esta fin de semana na localidade cántabra de Los Corrales de Buelna.

A Concelleira de Xuventude de Lugo, Rosana Rielo, representa ó Arde Lucus nesta asemblea na que se aprobou que a festa que organiza o Concello de Lugo pase a formar parte da entidade. Esta mañá a Federación Española de Festas e Recreacións Históricas aprobou que se integren nela como socios dúas festas máis: o Arde Lucus e a Festa de Astures e Romanos que se celebra en Astorga.

A Concelleira de Xuventude de Lugo amosou a súa satisfacción por este acordo. Rosana Rielo manifestou que se trata dunha decisión “importante para a proxección do Arde Lucus” por varios motivos, xa que “implica o seu recoñecemento non só como unha grande festa das que se celebran en España, senón tamén como un evento que cumpre cos requisitos necesarios para ser considerada unha festa histórica ó máis alto nivel”.

Na asemblea participaron representantes dunha vintena de celebracións históricas que se celebran en España. Previamente á xuntanza, os participantes na asemblea foron recibidos onte no Concello de Los Corrrales de Buelna pola alcaldesa desa localidade cántabra, Mercedes Toribio, e outros membros da corporación municipal, que estiveron acompañados por representantes de tribus e lexións da festa das guerras Cántabras que se celebra en Los Corrales de Buelna. Tamén participaron nunha cea de gala á que asistiron ataviados con traxes da época das festas que representan cada un dos participantes na asemblea.

www.ardelucus.com

 

Multimedia

Noticias relacionadas