A Concelleira de Muller e Benestar Social asiste á presentación do libro que recolle as XXI Xornadas Penitenciarias Lucenses

Martes, 10 de xuño de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, asistiu á presentación do libro que resume as intervencións dos diferentes relatores que participaron nas XXI Xornadas Penitenciarias Lucenses dedicadas ás medidas alternativas á prisión no momento actual.

O libro recolle cada unha das ponencias que explicaron os seus autores o pasado mes de outubro na Fundación Caixa Galicia, todas elas relacionadas co eido penitenciario e coas novidades que recolle a lexislación vixente.

As penas de traballo en beneficio da comunidade ou a intervención psicolóxica no ámbito penitenciario, son algúns dos temas que forman parte desta publicación que edita a Asociación Penitenciaria Concepción Arenal e que recolle unhas xornadas que leva programando dende hai máis de 20 anos.

Os relatorios que recolle esta publicación de preto de 100 páxinas e na que colabora o Concello de Lugo, son:

* As penas de cumprimento na comunidade. Especial referencia á pena de traballos en beneficio da comunidade, por Nuria Torres, Doutora en Dereito.

* O xulgado de vixilancia penitenciaria: competencias no cumprimento de medidas de seguridade e penas de traballo en beneficio da comunidade, por Ángel Luis Ortiz González, Maxistrado.

* As medidas de seguridade na lexislación vixente, por Edgar Fernández Clos, Presidente da Audiencia Provincial Sección 2ª de Lugo.

* Intervención psicolóxica no eido penitenciario, por María Yela García, psicóloga responsable de medio abierto.

A Asociación Concepción Arenal leva a cabo este tipo de xornadas coa finalidade de dar a coñecer aspectos do ámbito penitenciario pouco coñecidos pola sociedade ou que están de máxima actualidade, tratando de achegar os cambios na lexislación a todas as persoas.

 

No acto de presentación estiveron a Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, a delegada de vicepresidencia Branca Rodríguez Pazos; Sinesio Pérez, xerente da Fundación Caixa Galicia en Lugo; Modesto Gutierrez, director do centro penitenciario de Bonxe; Víctor Fraga, director do centro penitenciario de Monterroso e Juan Manuel Moreno, coordinador da Asociación Penitenciaria.

A Concelleira de Benestar Social suliñou a colaboración existente entre o Concello e as institucións penitenciarias, xa que dende o ano 2005 máis de 60 persoas realizaron traballos en beneficio da comunidade coa administración local. Basadre explicou que dende que comezou o ano 2008 xa participaran 18 persoas neste tipo de programas resultado dun convenio asinado co Concello.

Noticias relacionadas