A Concelleira de Economía presenta os primeiros indicadores financeiros da Conta Xeral que garantizan a transparencia informativa

Luns, 11 de agosto de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Presentarase á Comisión Especial de Contas para o seu control e colgarase da páxina web municipal www.lugo.es unha vez a aprobe o Pleno

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, presentou os datos da Conta Xeral Municipal que se levarán á Comisión Especial de Contas para o seu control, e que presentan unha “evolución satisfactoria” segundo a responsable económica.

A Conta Xeral, que se aprobará no Pleno de setembro, recolle a evolución económica dos Concellos e ten que ser sometida ao control e fiscalización do Consello de Contas. Lugo, como en anos anteriores, segue a ser un dos primeiros Concellos que envía os datos ao organismo fiscalizador para que os analice.

Sonia Méndez destacou que a novidade deste ano é a utilización dunha serie de indicadores de obxectivos dos orzamentos municipais, que “permiten analizar a evolución dos datos económicos do Concello, comparando datos anteriores”. A súa finalidade é facilitar á cidadanía a claridade na información e o acceso á mesma, e foi un compromiso adquirido polo equipo de goberno de López Orozco.

Outro dos aspectos destacados pola Concelleira de Economía, é o traballo realizado polo Observatorio Urbano do Concello, que permitirá comparar “datos económicos, gasto do Concello, coa realidadde física da cidade; é dicir, a que vai destinado ese gasto”. Deste xeito será máis sinxelo que os veciños e veciñas de Lugo saiban en que se inviste o diñeiro público.

Neste momento os indicadores financeiros indican a evolución do Concello nos 3 últimos anos, “unha evolución moi positiva”.

Redución da débeda
Os indicadores financeiros e patrimoniais explican que a liquidez e a solvencia do Concello se manteñen como en anos anteriores. A débeda do Concello, positivamente, redúcese en 467.144 euros.

En canto aos indicadores orzamentarios, Sonia Méndez explicou que os niveis de execución de ingresos e cobros son practicamente iguais aos de anos anteriores. Méndez aclarou que “o nivel de execución de ingresos descende un pouco, e estanse a analizar as causas, posiblemente pola falta dalgunhas transferencias de Consellerías do goberno autonómico”.

Os principais ingresos do Concello proveñen do Estado, que ingresou o ano pasado 15.333.857 euros, un 16,9% do orzamento municipal, e do IBI que supuxo 14.942.399 euros, un 16,5% do orzamento total.

Nos ingresos, outro dato importante é o dos saldos pendentes de cobro, que no 2007 se reduciu en 482.725 euros, sendo de 29.317.535 euros, desto na Conta Xeral faise ademais unha estimación dos que son de dubidoso cobro para facer previsións.

Estos ingresos proporcionan autonomía financeira e fiscal ao Concello lucense “o que permite que a nosa economía sexa autónoma, ese é outro dos nosos obxectivos, que o Concello se autofinancie o que poda”.

Superávit e aumento do gasto e o investimento por habitante
Outro dato positivo é o do superávit por habitante, que no Concello de Lugo “grazas á boa xestión económica” é de 42,43 euros por persoa. Hai que recordar que o superávit da Administración local lucense é de 3.982.211 euros.

Nos gastos, os datos son similares aos do ano 2006, pero hai datos moi importantes que “reflicten a boa xestión económica. O gasto por habitante -gasto corrente, en actividades, servizos…- aumentou e estamos situados en 926.02 euros, o investimento por habitante, tamén aumentou e estamos en 174,24 euros, e o esforzo investidor que pasou do 0,13% ao 0,19%”.

Sonia Méndez explicou que hai un dato “aparentemente negativo nos datos presentados, e que se refire ao período medio de pago”. As ratios marcadas polas normas de contabilidade relacionan obrigas pendentes de pago e obrigas recoñecidas, pero dende Tesourería Municipal explican que o período medio de pago unha vez rexistrada a factura no Concello por parte do proveedor, reduciuse, pasando de 49 días a 43 días para o pagamento.

Noticias relacionadas