A Concelleira de Economía espera ter finalizada en setembro a actualización das ordenanzas do 2017, que comezou hoxe a debaterse

A edil avanzou na mesa de traballo das normas fiscais que, dado que seguen as conversas cos grupos políticos e polo tanto non concluirá a tramitación a tempo para o Pleno ordinario do 28, o debate dos Orzamentos terá lugar en febreiro

Martes, 19 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Mesa de traballo para o proceso de actualización das ordenanzas fiscais do 2017

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, espera ter finalizado no mes de setembro o proceso de actualización das ordenanzas fiscais do 2017, que comezaron a debaterse este martes na primeira mesa de traballo convocada para este fin pola edil cos grupos políticos da Corporación.

Prieto explicou que as reunións da mesa das ordenanzas, coas que a edil cumpre o seu compromiso de consensuar coa oposición a modificación do marco fiscal municipal, terán lugar cunha periodicidade que non será fixa, senón que as datas de celebración se irán marcando dunha reunión para a seguinte en función da evolución do traballo. Deste xeito, na xuntanza de hoxe marcouse o novo encontro para o día 12 de febreiro.

Os distintos grupos municipais farán chegar as súas propostas á Concelleira, que as poñerá en común na comisión. “Admitiranse todas para o seu debate, o que non quere dicir que finalmente se aproben na súa totalidade, porque as someteremos a estudo e a avaliación dos técnicos para que determinen a súa viabilidade económica e xurídica”, asegurou Prieto.

Na mesa de traballo de hoxe, os grupos volveron a expoñer propostas que xa no seu momento, previo á aprobación das ordenanzas deste 2016, deron a coñecer, como a necesidade de abordar unha nova normativa de ruído, da ORA, o cobro do IBI á Igrexa, o cambio da referida aos caixeiros automáticos ou establecer unha sobre a gran publicidade, entre outras cuestións.

Orzamentos
Na mesa de traballo con representantes dos cinco grupos da oposición, a Concelleira de Economía avanzou tamén que, “dado que continuamos coas conversas cos grupos políticos para tratar de chegar a un acordo sobre os Orzamentos e polo tanto non será posible finalizar a tramitación a tempo para o Pleno ordinario do 28 de xaneiro”, o debate das contas terá lugar o vindeiro mes nunha sesión extraordinaria. Ana Prieto lembrou que o diálogo mantense aberto “cos grupos cos que hai máis proximidade e afinidade, grupos de esquerdas, que ademais nos deron o apoio para a investidura, co fin de achegar posturas e acordar proxectos”.

“O Orzamento é a folla de ruta dunha administración, un instrumento fundamental de traballo para avanzar no noso modelo de cidade e mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e nós dámoslle prioridade ao diálogo e á busca de consenso para sacalo adiante, polo que non nos vamos a precipitar, nin escatimar tempo nin esforzos para chegar a acordos que redunden en beneficio da cidade”, asegurou Ana Prieto.

Noticias relacionadas