A Concelleira de Economía convoca aos grupos políticos á primeira mesa de traballo sobre as ordenanzas do 2017

A reunión para comezar a estudar e elaborar as normas fiscais será o vindeiro martes. “O obxectivo e garantir a participación e acadar un marco que favoreza a xustiza social, a promoción económica e a creación de emprego”, subliñou Prieto

Xoves, 14 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Cumprindo co seu compromiso, a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, convocou aos cinco grupos políticos da oposición á primeira mesa de traballo sobre as ordenanzas fiscais do 2017. A xuntanza terá lugar o vindeiro martes, ás 12:00 horas, na casa consistorial.
O obxectivo é favorecer o diálogo e a participación de todos os grupos da Corporación municipal para, “entre todos, cunha boa planificación, elaborar as novas ordenanzas do 2017, co obxecto de actualizalas profundamente e buscando un alto nivel de consenso”, explicou Ana Prieto, quen engadiu que este marco normativo “debe favorecer a xustiza social e a promoción económica e de creación de emprego”.

A Concelleira dá este paso despois de que fose aprobada a principios de decembro en Pleno a modificación de 17 ordenanzas fiscais para este 2016. As taxas e impostos municipais acordadas mantéñense conxeladas ou baixan, como foi o caso das de aproveitamento especial de vía pública por terraza e grúas.

As 17 ordenanzas modificadas son as seguintes: taxa por expedición de documentos administrativos; por prestación de servizos urbanísticos; por licenzas de apertura de establecementos; por servizos de prevención e extinción de incendios; por prevención de ruínas, derribas e salvamentos; por servizo de rede de sumidoiros; por prestación do servizo de centro de día; por prestación do servizo de mercado; por prestación de servizos nas escolas infantís municipais; pola prestación do servizo de comida no fogar; pola intervención municipal nas comunicacións previas e declaracións responsables nas aperturas de establecementos; por aproveitamentos especiais da vía pública; por aproveitamentos especiais da vía pública con entradas de vehículos e reservas de vía pública; imposto sobre vehículos de tracción mecánica; incremento do valor dos terreos de natureza urbana; construcións, instalacións e obras, IBI e os anexos das ordenanzas fiscais.

Audio

  • Ana Prieto, sobre o deseño das ordenanzas fiscais do 2017 |Descargar mp3

Noticias relacionadas