A Concelleira de Economía continúa coñecendo as inquietudes dos autónomos para desenvolver programas que impulsen a implantación de novas empresas

Martes, 02 de agosto de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, continúa a rolda de reunións cos representantes dos autónomos de Galicia, sendo esta a terceira que se celebra desde a creación da nova Concellería de Economía, Emprendemento e Autónomos.

Méndez mantivo esta mañá un encontro co Presidente da Organización de Profesionais e Autónomos, D. José Antonio Fidalgo, para darlle a coñecer as medidas que o goberno local adoptou para propiciar a implantación de novas empresas na cidade de Lugo.

Nesta reunión, a concelleira explicou que entre as medidas acollidas destacan: a eliminación da licenza de apertura dos comercios e rebaixa dun 50% da taxa correspondente, os incentivos para a instalación de empresas no Parque empresarial das Gándaras, que se acaba de inaugurar, e subvencións para a implantación de novas empresas e para a mellora dos establecementos do centro histórico no marco do Plan Urban. Á par disto, Sonia informou que o goberno local rebaixou un 50% o imposto de construcións, instalacións e obras; así mesmo que o Alcalde demandou á Xunta, que vende as parcelas, en numerosas ocasións que rebaixara o elevado prezo dos solares, entre os 5 máis altos de todos os polígonos industriais de Galicia; á fin de incentivar a instalación de empresas e creación de postos de traballo.

Pola súa parte, José Antonio Fidalgo, amosou o seu interese en colaborar co Concello en accións formativas dirixidas aos autónomos, colaboración que se fará a través do CEI-Nodus.

A organización dará traslado aos seus asociados destas vantaxes que Lugo ofrece para a instalación de empresas.

Multimedia

Noticias relacionadas