A Concelleira de Cultura visita o laboratorio xeolóxico para nenos e nenas que se está a celebrar no MIHL durante esta semana

Xoves, 04 de setembro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, visitou esta mañá as actividades da Semana da Ciencia: Xogando coa xeoloxía. Estas actividades consisten nun laboratorio xeolóxico para nenos e nenas que se está a celebrar no MIHL.

Carmen Basadre destacou a importancia destas actividades formativas dirixidas aos nenos e nenas, xa que inclúen aspectos teóricos, como a observación in situ, e diversas actividades prácticas de fácil execución. Os temas que se abordan son a paisaxe, a xeoloxía da auga de Lugo, a litoloxía do concello, o ambiente sedimentario e o tempo en xeoloxía.

As actividades, que comezaron este martes e finalizarán mañá, enmárcanse dentro do programa Lugo Pedra a Pedra que organiza a Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua.

Actividades para a fin de semana

Dentro deste mesmo programa, o sábado na Praza de Pío XII das 11:00 ás 13:00 horas celebrarase a Xincana Lucus Petreus, consistente nunha serie de xogos dirixidos a nenos e a maiores que levarán aos participantes a coñecer diferentes tipos de rochas ornamentais autóctonas e foráneas e a identificar os materiais artificiais utilizados para os mesmos fins no espazo urbanizado de Lugo.

O domingo terá lugar ás 17:00 horas na Praza de Pío XII a actividade Xeocaching: Á procura do tesouro xeolóxico. Esta actividade íase celebrar no mes de xuño, pero tivo que ser aprazada por mor do mal tempo. Trátase dun xogo de acción no que os participantes terán que atopar un tesouro xeolóxico agochado nalgún punto do municipio de Lugo seguindo algunhas pistas. A actividade permite coñecer doutra maneira determinados elementos xeolóxicos de importancia.

As persoas interesadas en participar nestas actividades poden anotarse chamando ao teléfono 010, ou 982 297 350 para chamadas dende fóra de Lugo, e tamén na Oficina Municipal de Turismo, situada na Praza do Campo, 11.

Multimedia

Noticias relacionadas