A Concelleira de Cultura presentou a programación de verán do Concello de Lugo que conta con máis de 60 actividades

Xoves, 10 de xullo de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou esta mañá as máis de 60 actividades que se van a levar a cabo durante este verán en Lugo.

Carmen Basadre destacou que “son actividades abertas e gratuitas e dirixidas para todos os públicos, dende os máis pequenos, ata familias ou maiores” e coas que “queremois dinamizar a cidade durante os meses de xullo, agosto e incluso algún día de setembro”.

Dentro das actividades enmarcadas na área de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua vanse levar a cabo:

- Descubre as Terras da Auga e Cultura, excursións que se celebran todos os domingos e nos que se quere fomentar o turismo á zona rural a través de visitas guiadas. Unha das excursións máis destacadas será a do domingo 3 de agosto ao Corgo e á Festa do Río Chamoso. A esta súmase as actividades do programa Lugo pedra a pedra na que os participantes poderán descubrir a riqueza xeolóxica do concello.  Con actividades tanto para nenos e nenas como para adultos.

- O mes da ilustración para nenos e nenas. Celebrarase os mércores de xullo, 16, 23 e 30 ás 12:00 horas na Biblioteca Municipal. Nelas, os nenos e nenas levarán a cabo obradoiros de gravado, plastilina ou banda deseñada entre outros. Deberan inscribirse antes na Bibliteca Municipal.

- Músicas ao teu carón  recolle dezasete concertos de música de diferentes estilos  e que se farán nas prazas e parques da cidade. Tamén a Banda Municipal de Música actuará os xoves de xullo ás 19.30 horas en distintos parques da cidade e o día 25 na Praza Maior. Outro dos concertos destacados é o da Banda Artística de Merza o sábado 6 de setembro no paseo central do Parque Rosalía de Castro.

Tamén se desenvolverán actividades enmarcadas no programa Móvete con Nós  que levarán actividades de danza urbana e master class para os mozos e mozas ás prazas de Augas Férreas, do Castiñeiro, e da Fonte dos Ranchos, á Ponte Romana, á Praza Viana do Castelo e ao Parque da Milagrosa durantes os xoves de xullo e agosto.

Este verán tamén se vai a celebrar o Ciclo de Cine na Rúa no que se proxectarán diferentes películas de éxito en diferentes espazos da cidade a partir das 22.30 horas.

Tamén se vai desenvolver o día 16 de xullo, en colaboración co Fondo Galego de Cooperación, unha master class en fotografía social co especialista Gabriel Tizón na Casa da Xuventude ás 19 horas.

Multimedia

Noticias relacionadas