A Concelleira de Benestar Social, pregoeira da 22ª Feira de San Isidro da Milagrosa, que estrea a praza peonalizada

A Alcaldesa e o presidente do colectivo organizador -a asociación veciñal e de comerciantes do barrio- presentaron, xunto a uns corenta veciños e veciñas, unha nova edición desta tradicional e concorrida cita lucense, que se celebrará esta fin de semana

O certame contará con 70 expositores tanto da provincia, como do resto de Galicia, Castela e León e norte de Portugal. Ademais de venda de produtos, haberá degustacións de hoxaldre, rosquillas e chorizo á grella, actuacións musicais e artesanía en vivo

Martes, 30 de abril de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Concelleira de Benestar Social, pregoeira da 22ª Feira de San Isidro da Milagrosa, que estrea a praza peonalizada

A Alcaldesa, Lara Méndez, xunto ao presidente da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, Jesús Vázquez, presentaron, xunto a uns corenta veciños e veciñas da zona norte da cidade, unha nova edición, a 22ª, da tradicional e concorrida Feira do Campo e Artesanía de San Isidro da Milagrosa, que se celebrará esta fin de semana –entre o venres e o domingo- na rúa Divina Pastora e na nova praza do barrio, peonalizada polo Concello. Nesta ocasión, a pregoeira da cita será a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, que reside na Milagrosa.

“Grazas a este tipo de iniciativas, os barrios seguen vivos, fomentamos a economía local e poñemos en valor os espazos comúns da cidadanía da man do sector primario, dos productos artesáns e do campo, mantendo as nosas sinais de identidade”, asegurou a Alcaldesa, que agradeceu a súa implicación á asociación veciñal organizadora e a todo o movemento asociativo do municipio: “Lugo é a gran cidade que é grazas ao gran e dinámico tecido asociativo que ten”.

Lara Méndez tamén subliñou que este ano a feira arranque dunha maneira “especial”, co pregón de Ana González Abelleira, “quen, aparte de concelleira implicada sobre todo na parte social, de benestar e inclusión, é unha veciña querida do barrio que presume de selo”, cualidade que tamén destacou Jesús Vázquez: “Estamos moi de acordo con que temos que estar orgullosos de Lugo, que non o estamos todo que deberiamos, pero tamén de ser da Milagrosa”.

A cita, con “dous obxectivos claros, retomar as raíces rurais e promover que temos os mellores productos de Galicia”, recalcou Vázquez, contará cuns 70 expositores tanto da provincia, como do resto de Galicia, Castela e León e norte de Portugal. Ademais, o programa inclúe as actuacións musicais dos grupos Cantigas e Frores e Axóuxere (de Roupar), degustacións de productos típicos, como hoxaldre, rosquillas e chourizo á grella e demostracións artesás en vivo de tornado en madeira, así como a entrega dos premios José Carballido.

Noticias relacionadas