A concelleira de Benestar pon en valor o labor de ADACE e a fortaleza das persoas con dano cerebral na #SemanaDeConexiones

Venres, 29 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concelleira de Benestar pon en valor o labor de ADACE e a fortaleza das persoas con dano cerebral na #SemanaDeConexiones

A concelleira de Benestar Social, Olga López, participaba este venres na #SemanaDeConexiones, organizado por ADACE Lugo (Asociación de dano cerebral sobrevido/adquirido), con motivo do Día do Dano Cerebral, onde as usuarias e usuarios do Centro de Día contactaron coa edil a través dunha videochamada e mantiveron unha conversa para falar do proceso para acadar autonomía, da reorientación e dos proxectos de vida de cada un para poder chegar a ser o máis independente posible entre outros temas.

A edil destacou a fortaleza dos usuarios que “traballades continuadamente no tempo con terapias de rehabilitación específicas a cada fase”.

“Tras sufrir un dano cerebral prodúcese un cambio significativo no proceso de vida que se está vivindo, xerando enormes variacións non só nos pacientes senón tamén nos familiares e na súa contorna”, explicou a edil aproveitando para poñer en valor a labor dos traballadores de ADACE, composto por auxiliares, enfermería, equipo médico, equipo de terapeutas que traballan co obxectivo de “axudar a recuperar, compensar e aceptar as secuelas para obter a máxima independencia e unha boa calidade de vida a cada un dos usuarios” .

O Concello de Lugo, a través da área de Benestar Social fai unha achega económica de 8.000 euros a ADACE, que permiten a este colectivo que manteña o seu Centro de Día.

ADACE é unha asociación sen ánimo de lucro, de ámbito provincial, creada no 2006 por persoas afectadas por Dano Cerebral Adquirido, as súas familias e outros colaboradores. Conta con preto de 300 socios e entre os seus obxectivos están promover a acollida, información, orientación e asesoramento a familiares e afectados de dano cerebral sobrevido; así como sensibilizar ás institucións públicas e á sociedade en xeral sobre a problemática do afectado de DCS e das súas familias.

Noticias relacionadas